LúaMeiga llenará de arte y cultura a orilla del Azúmara el sábado en Castro de Rei

A asociación cultural Antiga Fonda 1943 organiza o evento LúaMeiga, unha proposta creativa que busca revitalizar o rural a través da arte, a cultura e a colaboración comunitaria. A cita será o vindeiro 21 de xuño na comarca da Terra Chá, concretamente á beira do río Azúmara, no concello de Castro de Rei.
Durante toda a xornada, o público poderá participar en catro obradoiros creativos: unha benvida ao solsticio con pilates, antotipia ou estampación botánica, bordado creativo e iniciación á restauración de mobles, todos eles impartidos por artistas convidadas. Para participar é necesario reservar praza escribindo a luameigafest@gmail.com.
O evento incluirá tamén unha sesión vermú con música en directo, a cargo da banda local Os do Campo e Atún Blanco, e unha actuación de danza da man de Marta Cuba. Haberá servizo de bar, postos de gastronomía local, tendas de artesanía e espazos de intercambio de roupa e obxectos de segunda man. Ademais, adultos e cativos poderán colaborar na creación dun mural artístico colectivo.
Como parte das actividades culturais, tamén se inaugurará a exposición de fotografía histórica “Castro de Rei, os recordos dunha vila e a súa contorna”, obra de Laura Díaz.
LúaMeiga é un evento petfriendly e ainda quedan prazas dispoñibles para marcas interesadas en participar no mercado, así como para grupos musicais que desexen sumarse á sesión vermú.
O festival é posible grazas á colaboración da asociación Amigos da Feira e ao apoio do Concello de Castro de Rei, que proporciona as instalacións para a celebración.