Cohors III Lucensium presenta a moeda do Arde Lucus en homenaxe a Guiti

LugoXa
A Asociación de recreación Histórica Cohors III Lucensium presentou a moeda oficial da nova edición do Arde Lucus
cohors_moeda_arde_lucus
Presentación da moeda
1 Xuño 2024

A Asociación de recreación Histórica Cohors III Lucensiun presentou a moeda oficial da nova edición do Arde Lucus. Cada ano esta asociación acuña unha réplica fiel dunha moeda romana coñecida, catalogada e estudada; conmemorando, segundo a temática elixida en cada edición, a personaxes ou acontecementos históricos.

Non sucede o mesmo coa deste ano, xa que se trata dun deseño único para esta ocasión co que se pretende render unha homenaxe a Manuel López Guitar, Guiti, falecido en decembro do pasado ano, foi un dos fundadores da asociación, ademais dunha das persoas que contribuíu enormemente a engrandecer a festa de recreación histórica e quen, a pesar de que non pertencía á Cohors III Lucensium desde facía uns anos, seguiu colaborando coa asociación en innumerables ocasións. Nos últimos anos formaba parte da Asociación de Recreación Histórica Pax Romana, da que tamén foi un dos seus fundadores.

A moeda foi presentada polo concelleiro de Xuventude e Deporte, Jorge Bustos, o presidente e o vogal de cultura da asociación Miguel Alvelo e Eduardo Fernández Abel, e tamén dirixiu unhas emotivas palabras Ana Cortón, esposa de Manuel López Guitar, Guiti, a quen se lle dedica esta moeda; estivo tamén presente no acto o seu fillo Alex.

Unha das moitas facetas artísticas de Guiti relacionadas coa recreación histórica era a de exercer como escribano, especializado en escritura romana, chegando a impartir incluso varios cursos e talleres e deixándonos innumerables xoias manuscritas por el. Por isto, no reverso da moeda reprodúcese unha das poucas imaxes plásticas dun scriba romano, procedente dunha tumba achada en Flavia Solvia, municipio da antiga provincia romana de Nórica, quecomprende as actuais Austria e Eslovaquia.

Este escriba represéntase mirando á fronte, cunha tabula cerata de seis follas na súa man esquerda e na dereita un stilus disposto para escribir nas tablillas. No anverso, figura a cabeza da deusa Minerva, a Atenea grega, segundo os modelos presentes nas moedas republicanas romanas, especialmente nos Denarios. Vese  armada con casco, mirando á dereita e portando adorno de perlas. Minerva conforma con Xúpiter e Juno a triada capitolina, principais deuses romanos, ten baixo o seu dominio a sabedoría e por tanto é patroa de todas as manifestacións artísticas, científicas ou artesanais.

Leva o casco como deusa da guerra, lembrando ademais o seu nacemento da cabeza do seu pai Xúpiter, polo que é tamén a deusa da intelixencia e a sabedoría. A moeda estará dispoñible a partir da próxima semana en diversos establecementos da cidade. Aínda que a relación de puntos de venda non está totalmente pechada, coincidirá no seu maior parte coa das edicións anteriores; estes establecementos e empresas colaboran na distribución da moeda de forma totalmente desinteresada. O seu prezo será de 2,50 euros. O considerable e continuo incremento dos custos de fabricación fai inviable manter o prezo de 2 euros das catorce edicións anteriores.

0.20543599128723