15 asociacións e colectivos que integran a Rede de Voluntariado Lucense celebraron o Día do Voluntariado

LugoXa
López Racamonde puxo en valor o traballo destes colectivos, que contribúe dixo, “a unha sociedade máis inclusiva, máis xusta e onde todas e todos temos cabida”
Día-do-Voluntariado-Lugo
5 Dec 2024

Membros do Goberno Local participaron no acto polo Día Internacional do Voluntariado, que se celebrou fronte á Casa do Concello coa lectura do manifesto baixo o lema 'A Forza dun Pobo'.

Os organizadores do acto, as 15 asociacións e colectivos que integran a Rede de Voluntariado Lucense, contaron coa colaboración do Concello de Lugo para celebrar esta xornada, na que se puxo de manifesto a importancia da unión e da solidariedade para prestar axuda na nosa cidade, pero tamén noutros lugares, polo que se tivo un recordo especial á traxedia de Valencia a consecuencia da Dana.

Dinamizar a acción social e reforzar o traballo dos colectivos sociais a nivel local é unha das prioridades do Goberno Local e en concreto da área de Benestar Social e Maiores, o que levou, entre outras iniciativas, á creación da Oficina Municipal de Intermediación do Voluntariado para “prestar un soporte integral ao tecido asociativo lucense e canalizar todo o capital humano que atesoura Lugo e que está disposto a contribuír aportando a súa dedicación e o seu tempo na medida das súas posibilidades”, sinalou a concelleira Olga López Racamonde.

Para avanzar neste eido, desde Benestar Social e Maiores se está a “fomentar a participación, permitindo que moita xente se decida a contribuír nun momento no que é moi necesario reforzar ás asociacións de voluntariado, que están a facer un importante labor como quedou agora demostrado na traxedia da Dana”.

López Racamonde puxo en valor o traballo destes colectivos, que contribúe dixo, “a unha sociedade máis inclusiva, máis xusta e onde todas e todos temos cabida”.

⚙ Configurar cookies
0.6135311126709