150 estudantes cos mellores expedientes de FP recibiron o recoñecemento da USC
O acto de entrega de diplomas aos mellores expedientes de Formación Profesional de Galicia reuniu este mércores 12 preto de 150 estudantes no Auditorio da Facultade de Veterinaria da USC. O reitor Antonio López Díaz presidiu a sesión de recoñecemento institucional a este alumnado que participou na última convocatoria das ABAU en Galicia logo de completar os seus respectivos ciclos superiores de FP cunha nota media de sobresaínte.
Ampliar a formación nas aulas da USC é agora un dos posibles horizontes de futuro para este colectivo preuniversitario, tal e como se puxo de manifesto nun acto que serviu para evidenciar as conexións existentes entre a Formación Profesional e os estudos universitarios. De feito, arredor de 400 tituladas e titulados en FP formalizaron no último bienio a súa matrícula en diversas titulacións universitarias impartidas nos campus de Lugo e de Santiago.
“A FP é unha magnífica formación que cada vez ten máis conexión coa Universidade”, explicou o reitor. “Trátase dun camiño bidireccional no que cada vez máis alumnado de FP se decanta por estudar a continuación un grao, ou ao revés, estudantado que acaba de rematar un grao e decide completar a súa formación a través dun ciclo”, engadiu Antonio López. Neste senso e unha vez finalizado o acto, o estudantado distinguido puido visitar diversos espazos expositores situados no vestíbulo do Auditorio de Veterinaria coa vontade de profundar na oferta docente e de servizos do Campus de Lugo.
Alén do reitor, tamén participaron nesta xornada de recoñecemento ao talento do estudantado de Formación Profesional con mellor expediente académico, a secretaria xeral, Dulce María García Mella; Francisco Fraga, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo; Ernesto X. González Seoane, vicerreitor de Profesorado; Maite Flores Arias, delegada do reitor para Ensino Medio; Mª Eugenia Pérez Fernández, directora xeral de Formación Profesional; Olga López Racamonde, concelleira de Benestar Social e Maiores do Concello de Lugo; e Miguel Fernández Méndez, deputado da Área de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento da Deputación de Lugo.
Ademais, Carolina Díaz Caloca, estudante do CIFP Politécnico de Lugo, interveu en representación do estudantado e Juan Miguel Carballa González, director do CIFP Montecelo de Pontevedra, en representación dos centros de FP. Á sesión tamén se sumaron integrantes dos diferentes equipos de goberno das facultades e escolas da sede universitaria luguesa, así como unha ampla representación de profesorado universitario.