150 persoas participaron na primeira asemblea ordinaria da Plataforma Ulloa Viva

A Plataforma Ulloa Viva celebrou este domingo na Casa da Cultura de Palas de Rei, a súa primeira asemblea xeral ordinaria, que convocou ás 1.584 persoas socias da Plataforma, das cales asistiron 150.
A xornada comezou cunha palestra chamada Compartimos forzas. Compartimos loitas na que participaron Sonia Mareque (Colectivo Berce do Ulla), Isabel García (Plataforma Mina Touro- O Pino NON ), Representante de Sos Suído e Comunidade de Montes de Doade, Nery Díaz (veciña e activista contra a planta de biometano de Coeses), Antón Masa (Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra). Entre as intervencións, destacou a convocatoria por parte da APDR da marcha anual contra as fábricas de celulosa, que terá carácter nacional e que se celebrará o vindeiro 1 de xuño en Pontevedra baixo o lema Nin ENCE na Ría nin Altri na Ulloa. Pola súa banda, Sonia Mareque destacou a importancia de coordinar as loitas polo territorio, no actual contexto de multiplicación de amenazas extractivistas.
A xornada de convivencia proseguiu coa amenización musical de Fernando Cea e Lúa Aguete, que tivo lugar ao longo do xantar. O acto principal da tarde foi a asemblea xeral ordinaria. Entre as cuestións máis destacadas durante a xornada foi a publicación da campaña de financiamento colectivo lanzada no día de hoxe para acometer os gastos derivados da estratexia xudicial contra Altri, que se baseará, principalmente, na impugnación xudicial de tres actos administrativos: captación de augas, Autorización Ambiental Integrada e Proxecto Industrial Estratéxico.
A celebración desta Asemblea representa un fito máis dentro do proceso de organización, información e mobilización impulsado pola Plataforma e nunca antes visto no territorio. "Toda esta masa social, que encheu prazas e rúas, este auténtico río humano, ten ao seu alcance ser quen de culminar o proceso de resistencia frente a este xigante, e estar en condicións de alcanzar o obxectivo da plataforma. Neste senso, Ulloa Viva quere amosar o seu agradecemento a todas as persoas, colectivos e organizacións que ao longo e ancho do territorio fan posible este movemento", din desde a organización.