152 nenas e nenos participarán nas Aulas Abertas de Nadal do Concello de Lugo

LugoXa
As actividades levaranse a cabo nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa, Paco Martín e Lamas de Prado, nos que se superaron as prazas dispoñibles en ambas as dúas quendas previstas
Olga-López-Racamonde-Cohesión-Social-Lugo
19 Dec 2025

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo iniciará o próximo 22 de decembro as Aulas Abertas de Nadal, un programa de conciliación que se desenvolverá ao longo de sete xornadas ata o 5 de xaneiro.

Nesta nova edición cubriuse case na súa totalidade a oferta de prazas, cun total de 152 nenos e nenas inscritos das 160 dispoñibles. As actividades levaranse a cabo nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa, Paco Martín e Lamas de Prado, nos que se superaron as prazas dispoñibles en ambas as dúas quendas previstas. A concelleira responsable, Olga López Racamonde, destacou “o éxito deste recurso fundamental para moitas familias lucenses, que necesitan un servizo que lles permita conciliar os horarios laborais co coidado dos seus fillos e fillas durante as vacacións de Nadal”.

Os catro centros participantes ofrecerán un total de 336 horas de actividades, distribuídas en dúas quendas de sete días, en horario de 08.30 a 14.30 horas. López Racamonde subliñou que “este programa permite ofrecer ocio e diversión durante as vacacións escolares, garantindo un servizo accesible e económico para as familias e fomentando a conciliación familiar”.

As actividades están dirixidas a nenos e nenas empadroados en Lugo con idades comprendidas entre 4 e 11 anos. A primeira quenda, coa maior demanda, desenvolverase os días 22, 23 e 26 de decembro, mentres que a segunda terá lugar os días 28 e 30 de decembro e 2 e 5 de xaneiro. A edil tamén resaltou que “estas Aulas Abertas constitúen un recurso de apoio, integración e equilibrio social para a infancia”.

Cada centro contará con dous monitores, o que permitirá ofrecer un espazo seguro, creativo e enriquecedor onde os nenos e nenas compartan tempo libre, xoguen e aprendan, combinando a conciliación familiar coa educación en valores, destacou López Racamonde.

A resolución das prazas tivo en conta criterios de prioridade para favorecer ás familias con maiores necesidades, priorizando aquelas con menores ingresos, cos dous proxenitores traballando, ou con nenos ou nenas con algún tipo de discapacidade.

A concelleira remarcou que estas Aulas Abertas forman parte do compromiso do Concello por unha cidade que coida das persoas e ofrece oportunidades de participación á infancia, e que se manterán programas similares en Nadal, Semana Santa e verán para reforzar a cohesión social e ofrecer alternativas reais ás familias.

⚙ Configurar cookies
0.082429170608521