Entevista David Fernández Pérez: "Somos o único equipo de Galicia, con tres xogadores xuvenís"
Calquera que pasee polo parque de Frigsa, en Lugo, pode velos xogar. E é que rara é a tarde na que as pistas de petanca da Milagrosa están baleiras. Bóla tras bóla, e entre coñecidos, conformouse o Club Petanca Lugo. Cinco anos despois, xa contan cun xogador na Selección galega Sub20 e outros 21 competindo, cada domingo, na Liga galega.
Falamos con David Fernández Pérez, Daffer, técnico do Club Petanca Lugo.
Cando nace o club?
Naceu no 2017, levamos 5 anos.
Como xorde a creación do club?
Xurdiu porque un home catalán, alí tiñan moito eco a petanca, veu aquí á Milagrosa e falou cun compañeiro para facer algo. Empezaron a tirar bólas, sen pistas nin nada. Comezou a achegarse xente, a xogar no parque de Frigsa. E pouco a pouco foise creando o club, case de xeito improvisado. Despois, crearonse as pistas. E, agora hai dous clubs a falta de un.
Ademais de ser un deporte interxeracional, non ten discriminación de ningún tipo. Unha muller pode xogar, un home ou un neno poden xogar; pero, tamén un home con discapacidade ou sen ela, poden xogar xuntos. Iso é moi reseñable e moi bonito. Os homes e os mulleres da nosa liga poden xogar xuntos, noutras non, pero teñen torneos mixtos.
Cantos xogadores tedes?
Chegou a haber preto de 100, pero logo de dividirnos en dous clubs, quedamos algo máis de 40.
Que idades teñen os xogadores?
Temos a sorte de contar con tres xuvenís, somos o único equipo de Galicia que conta con tres xogadores desta categoría. Temos un rapaz de 12 anos, un de 13 e outro de 15. Logo temos mozos de 26, 27 e 28 anos. E, de aí para arriba, idades diversas ata os 84 anos. Hai moita diversidade de idade, porque trátase dun deporte interxeracional. Podo xogar co meu pai, co meu avó, ou, se é o caso, co meu fillo.
Tedes xogadores na Liga Galega?
Temos dous equipos na Liga Xunta de Galicia zona norte, Lugo A e Lugo B, que van xogar agora os playoffs. Estamos na segunda división porque non hai ascensos e descensos nas nosas ligas. Temos 21 xogadores comprometidos a xogar a liga todos os domingos. Dentro deles, contamos con esta vertente dos rapaces novos que, un deles, Nicolás Villamor, forma parte tamén da Selección Sub20 da Federación Galega de Petanca. É tamén un orgullo para nós.
Que habería que facer para ser socio do club?
Pois, simplemente, o que dicimos sempre. O primeiro que ten que facer unha persoa é vir probar. Eu comecei pensando que era un xogo de xente maior e logo entereime de que non é un xogo, é un deporte, está aceptado, temos federación galega, estatal, internacional... As pistas son públicas, calquera persoa pode vir, acceder ás pistas e o club ten bólas á súa disposición. Pode coller unhas bólas e probar. Se lle gusta? Continúa, paga a cota anual e pode ter acceso a todas as instalacións do club, e pode federarse a nivel máis profesional, pagando o que estipule a federación.
O bo que ten este deporte é que gastando un módico prezo de cota anual e unhas bólas que rondan dende os 7 ata os 300 euros pode xogar. É relativamente barato, se non se collen bólas moi caras.
Falabamos de que a petanca vese como un xogo para maiores, estase recuperando unha tradición?
Dende sempre, como outros deportes máis tradicionais, está considerado de maiores. Máis tradicionais porque son interxeracionais. Eu, como profesor de lingua e literatura, sei que a tradición oral non é tan importante como a literatura escrita; pois aquí é o mesmo, un deporte tradicional non vai ser tan ben visto como o fútbol, o baloncesto, o tenis ou os demais.
Cando era pequeno xogaba á petanca era na praia e cos amigos, sen ter en conta regras nin nada. Hai uns anos, un compañeiro do máster díxome que fora probar e eu tamén cría que era para maiores. Pero despois daste conta, vendo os datos da Federación Española de Petanca, segundo o propio presidente, o 80% dos federados son menores de 50 anos.
Así se demostra, fai dúas semanas tivemos o Campionato do Mundo, en Dinamarca, e España quedamos primeiros de duplas femininas, segundos en duplas mixtas e primeiros en individual. E o rapaz que gañou en individual ten 20 anos.
Viron medrar o interese por este deporte?
Si. Houbo momentos que no club había moitísima máis xente que agora, chegamos case a 100 socios cando eramos un só club. Foi sorprendente para nós porque chegaron a facernos ata reportaxes en medios estatais. A pandemia fixo moitos estragos, pero o bo que temos é que os que estamos agora seguimos moi comprometidos.
De 40 socios que somos, máis da metade están comprometidos a xogar a liga todos os domingos e os adestramentos, mércores e venres, dúas horas cada día, catro semanais. Ese compromiso é o bo que temos neste deporte. Se probas a petanca, pódeche gustar; pero como ten tantos prexuizos porque pensan que é un xogo de xente maior, ese é o noso lastre. Quen proba as bólas, rara vez non se queda.
Afectouvos a pandemia?
O que nos afectou, sobre todo, foi que houbo unha escisión no club. O novo club que hai en Lugo é de xente que estaba no noso. Un club unido sempre fai máis forza que dous separados, pero a pandemia fíxonos dano. No tema deportivo, non tanto, seguimos xogando a liga federada e non cambiou moito. Pero a visibilidade do deporte, especialmente en Lugo baixou. O Club Deportivo Lugo, todo o mundo sabe que existe, o Breogán igual, ou o Emevé. Pero igual non se sabe que temos de petanca dous clubes, a falta dun, e que nun deles hai xente moi moza xogando á petanca.
O peor que tivemos non foi a pandemia, foi o lastre de sempre: que non nos coñezan. Que están facéndonos reportaxes en medios deportivos estatais e, na cidade de Lugo, non nos coñecen.
Quen pode xogar?
Eu convido a todo o mundo a que veña. Temos rapaces de moi diversas idades. E iso, para min, é unha grandísima virtude do deporte. Eu son o máis maior do meu equipo e teño 28 anos.
Que lle pedides ás institucións?
Agradecemos que temos as pistas, pero tamén que queremos que nos fagan unhas pistas cubertas cando se poida. Porque nós temos adestramentos todo o ano e precisamos unhas pistas cubertas, nalgún sitio. Non ten porque ser no mesmo espazo, porque sempre poñen a excusa de que no Parque da Milagrosa non se pode. A nós, danos igual o sitio. Non é por nós, tamén polos xuvenís. Temos un rapaz da Selección Sub20 que ten que adestrar case todos os días e, algún día, non pode porque chove.