20 traballadores desempregados formáronse no obradoiro de emprego Camiño de Santiago de Monterroso
Clausurou a terceira edición do obradoiro de emprego Camiño de Santiago, no que se formaron 20 traballadores desempregados en especialidades relacionadas co turismo e a xardinaría e montes.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade investiu 528.000 euros na iniciativa, incluíndo os incentivos para facilitar a contratación en empresas locais de 16 dos participantes unha vez concluída a formación.
Durante o último ano, o alumnado do obradoiro adquiriu coñecementos e práctica laboral a través dun contrato na especialidade elixida. Así, seis deles formáronse en promoción turística local e información ao visitante, e traballaron dous en cada municipio mellorando os puntos de atención turística, propoñendo actuacións sustentables ou establecendo visitas guiadas polo Camiño.
Os outros 14 aprenderon a desempeñar actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e en conservación e mellora de montes, e actuaron sobre xardíns e zonas verdes dos tres municipios.
En Palas de Rei melloraron a área recreativa “Os Chacotes”, a contorna do mercado gandeiro, e xardíns como os do centro médico, a praza de Galicia e o do concello, ademais de ampliar o axardinamento da avenida de Compostela.
En Monterroso acondicionaron o treito do Camiño de Santiago entre Ligonde e Airexe e as áreas verdes dos cruceiros de Ligonde e Lameiros. Pola súa banda, en Portomarín actuaron sobre os xardíns da igrexa de San Pedro, a praza da Aviación Española, e as zonas verdes das pistas de pádel e da Casa da Cultura, entre outros.
O delegado territorial sinalou que nas vindeiras semanas poranse en marcha novos obradoiros de emprego “que achegarán oportunidades laborais a máis persoas sen emprego, para que poidan aprender un oficio e reorientar a súa traxectoria profesional”.