200 deportistas participaron na ciclocrós de Outeiro de Rei
Outeiro de Rei acolleu o Premio de Ciclocrós Deputación de Lugo, penúltima proba da Copa Galicia da modalidade, organizada polo Team Bike Outeiro co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A competición, que se celebrou nun circuíto no polígono industrial de Outeiro, reuniu máis de 200 participantes das categorías cadete, junior, sub 23, élite e máster, masculina e feminina, de clubs de toda Galicia, entre eles representantes do Team Bike Outeiro, de Cidade de Lugo, do CC Chantadino, do CC Eo e do Club Ciclista Vilalba-As Pontes.
Na categoría masculina o triunfo foi para Saúl López, de Academia Postal, seguido de Luis Fernández de Porriño e Yago Pico de Vilalba. Na feminina o primeiro foi para Irene Trabazo, de Santomé de Piñeiro, acompañada no podio por María Jesús Barrios (Team Oiense) e Eva Ortega, do MTB Extol.
En Sub 23 o triunfo foi para Ricardo Martín Buba; en júnior gañaron André Martínez e Sabela Conde; en cadete Néstor Frías e Lorena Patiño. Ademais, en Máster 30 o triunfo foi para Miguel Porte e Iria Neto e en Máster 40 para Constantino Muñoz e Paula Blanco.
O deputado de Deportes Efrén Castro, que asistiu ao desenvolvemento da proba e a entrega de trofeos, felicitou “a organización e deportistas por unha xornada espectacular, que puxo por primeira vez a comarca de Lugo no calendario dunha Copa Galicia de Ciclocrós” e apostou pola continuidade destas probas como aliciente para consolidar esta modalidade ciclista, que ofrece unha alternativa máis para practicar deporte a todas as idades”.
Tras as mangas competititvas nas diferentes categorías, ciclistas de infantil fixeron unha exhibición no circuíto.