200 gandeiros participaron na xornada de xestión do vacún de carne de Pedrafita

LugoXa
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, clausurou en Pedrafita do Cebreiro a xornada Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e Unións Agrarias-UPA, grazas ao apoio da Deputación de Lugo.
xestión medioambiental en explotacións de vacún de carne pedrafita 2023 3
28 Out 2023

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, clausurou en Pedrafita do Cebreiro a xornada Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne, organizada pola Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA e Unións Agrarias-UPA, grazas ao apoio da Deputación de Lugo. Un acto que contou coa presenza do Alcalde da localidade, José Luis Raposo, e do Secretario Xeral de UU.AA., Roberto García González.

Pablo Rivera subliñou que a institución provincial colaborou coa organización da xornada, que reuniu a 200 persoas no mercado gandeiro da localidade, porque  “o apoio ao sector primario é unha das liñas de traballo prioritarias que marcan a nosa acción de Goberno, e que mellor maneira de facelo que da man dos propios profesionais, dos propios produtores e das organizacións que os representan”.

Neste sentido, subliñou que as políticas públicas máis eficaces, as que mellor aproveitan as capacidades do territorio e as que mellor responden ás súas necesidades, son aquelas que nacen do diálogo e da colaboración cos sectores produtivos, e co tecido asociativo”, apuntou o Deputado, que puxo en valor precisamente esta forma de traballar da institución provincial, poñendo como exemplo a Granxa Gayoso Castro situada no concello de Castro de Rei. “Alí facemos recría de raza Rubia Galega, ademais de ter un centro de recría de vacún de leite e de contar cunha Granxa Experimental en torno ao sector lácteo”, detallou.

Para o Deputado, “o futuro do noso rural pasa por achegar os servizos públicos á xente, non recortalos, como estamos a vivir no caso dos médicos, dos profesores, ou dos problemas co transporte escolar, pero tamén por un sector primario forte, puxante, innovador e sostible, porque fixa poboación, coida o medio ambiente e axuda á ordenación do territorio e á prevención dos incendios forestais, ademais de preservar a nosa identidade cultural”.

Deu os parabéns Pablo Rivera aos organizadores da xornada, por organizar un encontro profesional para fomentar o coñecemento e o intercambio de experiencias, “a mellor maneira se seguir mellorando e innovando nunha actividade clave para a economía da  nosa provincia como é a gandeira”, destacou.

O foro, que abriu o Alcalde de Pedrafita, incluíu dous relatorios. Un deles baixo o título A realidade  da PAC para as explotacións de vacún de carne, a cargo de Fernando Miranda, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e o outro sobre o Plan Extratéxico da carne, que abordou José Manuel Andrade, Director da Fundación Juana de Vega.

A xornada rematou cunha mesa redonda para analizar as Perspectivas do sector bovino de carne, na que participaron José Ramón González, e David Erice, gandeiro e técnico de Unións Agrarias- UPA, respectivamente; e a veterinaria e directora da Granxa Gayoso Castro da Deputación, Sonia Verdes.

0.20285201072693