Abre a convocatoria para o alugueiro ventaxoso de locais comerciais na Tinería

LugoXa
As rendas, que oscilan entre os 18,59€ e os 133,82€ mensuais, supoñen o 30% do importe total que o Concello pagará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo polo uso dos locais.
tineria lugo
29 Ago 2023

As rendas, que oscilan entre os 18,59€ e os 133,82€ mensuais, supoñen o 30% do importe total que o Concello pagará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo polo uso dos locais.

A Xunta de Goberno Local aprobará este mércores as bases dunha nova convocatoria para o alugueiro de seis locais comerciais de titularidade pública no barrio da Tinería. Deste xeito, a rexedora revalida o seu compromiso coa rexeneración económica e social desta zona do Casco Histórico, apostando pola continuidade do viveiro empresarial posto en marcha polo Concello no ano 2018.

Neste senso, Méndez lembrou que “o viveiro de empresas da Tinería redundou, até o momento, nunha revalorización do barrio, dun xeito controlado e eficaz por medio dunha economía sostible e de valor engadido que fixo máis atractiva a zona, non só para emprender e traballar, senón tamén a nivel residencial o que tivo un efecto chamada que queremos siga prendido”.

“Así, consideramos que é preciso seguir apoiando a posta en marcha e a continuidade de negocios que creen actividade económica e comercial, e que fagan desta zona un lugar transitado, que sirva de atracción de turistas e de comerciantes”, explicou a rexedora.

Para a cesión destes locais, en condicións moi vantaxosas, o Concello de Lugo, a través da área de Dinamización Económica, asinou un acordo co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) que contempla o arrendamento de sete locais de titularidade autonómica, un dos cales, situado na rúa Tinería 36, será empregado polo propio Concello para realizar actividades de dinamización, mentres que os outros seis locais poranse a disposición dos/as emprendedores/as da cidade.

Así mesmo, o Concello reducirá os alugueiros nun 70% sobre o prezo estipulado polo IGVS, de xeito que a renda a satisfacer polos arrendatarios destes locais será o 30% do importe total que o Concello pagará a Xunta de Galicia. Ademais a administración local, asumirá o custo do IBI de todos os locais, e este custo non se repercutirá aos arrendatarios.

“Deste xeito, as rendas oscilarán entre os 18,59 euros mensuais do alguer máis baixo e os 133,82 euros do máis caro”, explicou Mauricio Repetto, responsable da área de Dinamización Económica, quen subliñou que “as bases inclúen como novidade a obligatoriedade de contar cun horario comercial de apertura, que deberá respetarse durante todo o período contractual”.

Unha vez aprobadas estas bases na Xunta de Goberno Local, procederase á súa publicación na páxina web municipal. O prazo de presentación das solicitudes e a documentación que acompañen, será de 20 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Provincia de Lugo. Así mesmo, o Concello organizará unha visita de portas abertas a cada un dos seis locais, cuxa data e horarios serán publicados na web e o taboleiro municipal.

Cada interesado poderá solicitar ata un máximo de dous locais, establecendo un orden de preferencia para levar a cabo nos mesmos a súa actividade empresarial, aínda que os/as solicitantes só poderán ser beneficiarios/as do alugueiro dun local.

“Esta é a segunda convocatoria que poñemos en marcha, logo de que os locais estiveran ocupados durante os últimos cinco anos, contribuíndo á xeración de novos postos de traballo e ao despegue de proxectos empresariais de diversa índole, que poderán volver a presentarse se o estiman oportuno”, concluíu Repetto.

Procedemento de adxudicación dos locais

O procedemento de adxudicación da cesión en réxime de aluguer dos locais, será o de concorrencia competitiva. Os proxectos presentados en tempo e forma, serán avaliados por un Comité Técnico, que valorará as propostas en función das condicións específicas da actividade a desenvolver. Aqueles proxectos que pasen este primeiro filtro, serán avaliados segundo a tipoloxía da empresa e a adecuación da actividade proposta ás características do local, a dinamización comercial da zona, e a súa contribución á xeración de afluencia de público.

Poderán ser beneficiarios/as da cesión de uso dos locais aquelas persoas físicas ou xurídicas, que pretendan desenvolver unha actividade comercial e/ou de negocio nalgún dos locais que se poñen a disposición na zona da Tinería, sempre e cando se respecte a Ordenanza de Burgos Medievais.

Así mesmo, as persoas/entidades adxudicatarias dos locais, asumiran pola súa conta os custos do acondicionamento dos mesmos, de acordo coas características do local e do establecemento comercial que se pretenda abrir, tendo en conta a normativa urbanística que opera na zona de actuación, tanto para a actividade comercial e/ou de negocio a desenvolver, como para o acondicionamento interior e exterior.

0.15494585037231