23 artesáns participan dende hoxe na Mostra Arte San Froilán

LugoXa
A feira de artesanía situarase un ano máis na Praza Anxo Fernández Gómez, con horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas
ARTE SAN FROILAN INAUGURACION
1 Oct 2021

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, vén de presentar na Praza Anxo Fernández Gómez de Lugo a vixésimo quinta Mostra Arte San Froilán organizada por Vicepresidencia, a través do Centrad. A feira de artesanía contará desde hoxe e ata o 12 de outubro coa participación de 23 artesás e artesáns de toda Galicia, presentes no acto de inauguración.

Ao abeiro das festas patronais de Lugo, despregaranse de novo os expositores na rúa como un activo cultural xa consolidado na cidade, “que adquire un valor especial nesta edición que vén marcada pola recuperación e reactivación da economía despois do parón a causa da pandemia”, afirmou o deputado Efrén Castro. Neste senso, convidou a “lucenses e visitantes a se achegar a esta praza para comprobar de primeira man a calidade da artesanía galega, nomeadamente a da provincia, con elementos únicos que visibilizan o importante labor dos oficios artesanais”.

Os profesionais participantes na mostra exporán pezas de creación e produción propia, con materias primas de noso como a madeira, ferro, coiro ou cerámica. Estará aberta ao público en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas, con acceso de balde.

Máis de medio millar de artesáns xa pasaron pola Mostra Arte San Froilán nas súas 24 edicións, “poñendo en valor a cultura nas rúas mediante a artesanía, e dinamizando uns días especiais para os lucenses con propostas que recuperan e poñen en valor as nosas orixes e a evolución das técnicas empregadas”, subliñou Castro.

Á feira acudirán profesionais da artesanía habituais neste espazo e tamén outros con propostas novas. Así, poderanse ver artigos de mesa como as vaixelas de Mi madre no me deja, bonecos de personaxes de anime feitos con lá da man de Amigurumis Janu, ou mesmo os coitelos de Celso Ferreiro da Fonsagrada.

As delicadas técnicas mixtas de Imavi a través dos seus complementos artesanais voltarán estar presentes nesta mostra, así como as personaxes de amigurumi e miniaturas fantásticas de resina moldeable de Lucecús.

Arcoiris porá a nota musical cos seus instrumentos tradicionais de feitura artesanal, e a costura creativa tamén terá o seu espazo con Taller de A. Nesta liña, a artesanía textil con tecidos tradicionais, históricos e contemporáneos virá representada por Fusaiola, mesturando tradición e innovación polo traballo en teares de alto e baixo lizo, así como outras técnicas aplicadas.

Tamén estará presente a marroquinería de Rappa Taller con carteiras, pulseiras e mochilas, ou as axendas, boinas, moedeiros e bolsos de Tres Caracoles, Fonte Meimil, e Senda Coiro. Vidal Revilla mostrará as súas fundas de lentes, cintos e portadocumentos. Así mesmo, poderase ver calzado deste material con Bolboretas de Coiro, e riñoneras, bolsos e outros artigos con Artesanía O Mestizo.

As persoas que se acheguen á mostra terán á súa disposición para ver e mercar moda pintada a man por Rami de Patapún, ou complementos de Mis Marinillas. Tamén formarán parte o obradoiro de cerámica artesanal e obxectos decorativos Regal Cerámica, La Bellota Mágica e Ceniza de Papel con pezas de cerámica e alfarería, así como Esquina Atlántica coa súa cerámica artesanal inspirada na mitoloxía.

Enxógate aportará unha visión distinta da artesanía, con xoguetes e xogos que nacen da talla da madeira para estimular a mente e mellorar as capacidades. E finalmente, participarán por vez primeira Marga Portomeñe, con figuras en cartón pedra de todos os tamaños, desde máscaras romanas ata a construción e restauración de xigantes e cabezudos, e Aurora Rodil, coa súa costura creativa artesanal, empregando técnicas mixtas en colchas, complementos de bebé, mantas ou xoguetes.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18213391304016