251 gandarías reciben as axudas do programa de apoio á Raza Rubia Galega
251 ganderías recibirán as axudas do programa Marela! da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, enfocado en dar apoio á recría de xatas de Raza Rubia Galega na granxa de nacemento.
A maioría das granxas beneficiarias destas achegas, que oscilan entre os 400 e os 2.400 euros, concéntranse nas comarcas de Sarria (especialmente nos concellos de Láncara, Paradela e Triacastela), dos Ancares (especialmente nos concellos de Baralla, Cervantes, Pedrafita e Becerreá), de Lugo (especialmente nos concellos do Corgo, Friol e Castroverde) e A Fonsagrada (nos concellos de Fonsagrada e Baleira).
As achegas vincúlanse ás femias reprodutoras, cun importe de 400 euros por cada becerra que tivera un parto antes dos dous anos e medio (30 meses), ata un máximo de 6 animais por granxa, e suman un importe total de 192.000 euros, atendéndose todas as solicitudes que cumpriron cos requisitos establecidos nas bases.
O deputado Daniel García valorou “o programa que lanzamos por primeira vez desde a área de Rural para contribuír á promoción da Raza Rubia Galega, cunha convocatoria anual coa que procuramos axilizar os tramites de solicitude e pagamento e á que daremos continuidade tamén este ano, para apoiar o traballo de recría de gandeiras e gandeiros, que manteñen un patrimonio xenético e un sistema de manexo e de alimentación tradicionais”.
Neste sentido, subliñou que “o mantemento desta riqueza gandeira é imprescindible para o desenvolvemento sustentable das áreas rurais e para a fixación de poboación no medio rural, producindo alimentos de calidade”.
A resolución definitiva e completa pode consultarse na web da Deputación de Lugo, no apartado de Subvencións de Concorrencia Competitiva da área de Medio Rural e do Mar e no Boletín Oficial da Provincia do 30 de decembro. O programa Marela! dá continuidade á liña plurianual xestionada pola área de Rural entre 2019 e 2023, simplificando o procedemento administrativo e axilizando o trámite e o pago de xeito individualizado a cada gandería beneficiaria.