Renovan a Tarxeta Cidadá de Lugo mentres o bus segue a bater récords na cidade
A Tenencia de Alcaldía de Lugo renova o deseño da Tarxeta Cidadá. Despois da renovación das liñas, “é o momento de actualizar o deseño da tarxeta, garantindo sempre que haxa existencias para facilitar que a veciñanza poida desfrutar de todas as vantaxes que supón a tarxeta á hora de desprazarse en bus urbano", explicou o tenente alcalde, Rubén Arroxo
O bus urbano pasou pola maior transformación das últimas décadas, cunha renovación total do servizo aprobada por unanimidade de todos os grupos da corporación municipal. O transporte público de Lugo continúa a bater récords de usuarios e usuarias. No mes de abril houbo un total de 201.315 viaxeiros, "marcando o mellor abril desde que hai rexistros".
Nos billetes expedidos en abril rexistrouse tan só un 3,34 % de transbordos, unha porcentaxe similar a antes da reforma das liñas. "Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50 %". O tenente alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".
Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64 euros a 0.45, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31 euros no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09 euros nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5 euros, cun máximo de 60 euros.