27 Empresas de distintas partes de Galicia mostran interese por instalarse en Lugo
27 empresas procedentes de distintas partes de Galicia e de fóra da comunidade autónoma están interesadas por instalarse na cidade a través do fondo municipal emprendedor da Estratexia Lugo Transforma. Proxectos que están vinculados cos sectores da alimentación, saúde, dixitalización, mobilidade sostible, enerxía, xestión de residuos, aeronáutico e forestal, todos con interese por crecer en Lugo e crear empregos na cidade.
O Concello destina o maior investimento da súa historia 12 millóns de euros, co obxectivo de captar novos investimentos para a cidade e atraer empresas que contribúan a crear postos de traballo de calidade. A estratexia articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores e que se adecúen ao modelo de cidade sostible que representa Lugo.
Este forte interese empresarial amosa a alta a expectación creada por Lugo, tendo en conta que a xestora do Fondo, Torsa Capital, aínda non comezou a funcionar, pendente da súa inscrición na CNMV, que será a finais de marzo ou principios de abril, e que, a partir dese momento deberá impulsar un investimento de un millón de euros mínimo nun prazo dun ano, mentres que o resto dos recursos económicos deberán desenvolverse durante os vindeiros 5 anos, ata o 2026.
Neste senso, a alcaldesa destacou que, unha vez que estea en marcha este Fondo, “confío no apoio da Xunta de Galicia nesta aposta municipal pola reindustrialización de Lugo, un compromiso que adquiriu o presidente Alberto Núñez Feijóo comigo na última reunión que mantivemos, tendo en conta que os plans de industrialización de Galicia son competencia exclusivamente autonómica e non municipal”.
A rexedora explicou, así mesmo, que proximamente será aprobado en Xunta de Goberno Local o regulamento de xestión, que será administrado por Torsa Capital. Trátase do documento que servirá como folla de ruta e guión para a consecución dos obxectivos finais, no que figuran as obrigacións da xestora do fondo, os órganos de goberno ou a política de inversións, entre outros aspectos.
O patrimonio inicial do Fondo será de 12.130.000 euros, dos que 12 millóns proceden do Concello, como promotor do fondo, e 130.000 euros serán subscritos pola sociedade xestora (Torsa Capital). Esta comprométese a pechar antes do 5 de maio deste ano compromisos de inversión de partícipes privados que permitan ao fondo acadar o 100% do seu tamaño obxectivo (13 millóns de euros), conforme ao declarado na oferta presentada no proceso de licitación. Así, o prego recollía a obrigación de que, cando menos, un millón de euros sexa subscrito por partícipes privados e a sociedade xestora.
A duración do fondo será ata o día 30 de xuño de 2031, aínda que poderá prorrogarse por seis meses máis dende esta data límite.
ASESORAMENTO ESTRATÉXICO E FINANCIEIRO
O Fondo establecerá unha relación de asesoramento coas súas entidades participadas, realizando esta actividade a través da Sociedade Xestora. En particular, a Torsa Capital deberá realizar servizos de asesoramento ou de apoio necesario para contribuír ao desenvolvemento das entidades participadas, principalmente, nas áreas estratéxica e financeira, en temas como a formación e contratación de cadros directivos, análises de mercados, captación de recursos e introdución de contactos a nivel nacional e internacional.
A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo nesta etapa post-covid. Ademais, axudará a diversificar o tecido produtivo local e servirá de impulso aos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que se está a construir e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para a cidadanía.