4.000 autónomos da provincia recibiron 13 millóns do Plan de Recuperación

LugoXa
O delegado do Goberno presidiu a presentación dunha nova Oficina Acelera Pyme na cidade de Lugo, que xestiona a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
visita delegado acelera pyme presentadion
20 sep 2023

O delegado do Goberno presidiu a presentación dunha nova Oficina Acelera Pyme na cidade de Lugo, que xestiona a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, avanzou hoxe en Lugo que 25.000 pemes e autónomos e autónomas de Galicia xa recibiron 90 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno para avanzar na súa dixitalización: “cifras históricas que exemplifican o noso compromiso e que evidencian, unha vez máis, que este Goberno é o mellor aliado das empresas, dos empresarios e das empresarias, poñendo enriba da mesa os investimentos que fagan falta para mellorar a súa competitividade”. Deste total, 85 millóns de euros chegaron ás empresas a través do Programa Kit Dixital, en forma de bonos cos que pemes e persoas autónomas poden adquirir ou implementar solucións dixitais innovadoras para os seus negocios.

Pedro Blanco realizou este balance durante o acto de presentación da nova “Oficina Acelera Pyme” (OAP) que xestiona a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG). Só na provincia de Lugo, ata 4.000 pequenas empresas e persoas autónomas están a incorporar novas solucións dixitais aos seus negocios con 13 millóns de euros do Plan de Recuperación grazas ao programa Kit Dixital e o apoio das “Oficinas Acelera Pyme”.

Precisamente o tecido empresarial de Lugo será o principal beneficiario da “Oficina Acelera Pyme” da AIIG na cidade. Pedro Blanco presidiu hoxe, acompañado da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, a inauguración deste espazo, que ofrecerá desde agora distintos servizos ás pemes, autónomos e autónomas, e que recibiu para a súa posta en marcha 311.979 euros do Ministerio de

Asuntos Económicos

A OAP inaugurada hoxe en Lugo é a número 16 en Galicia, unha rede na que o Goberno investiu 4,3 millóns de euros en colaboración con distintos organismos públicos, como deputacións provinciais, entidades e organizacións sectoriais, como as Cámaras de Comercio. Ademais, esta OAP é a terceira que se pon en marcha na provincia de Lugo, xunto coas que xa xestionan a Deputación de Lugo e ASIME.

Neste espazo, as pequenas empresas, autónomos e autónomas terán a oportunidade de coñecer in situ as posibilidades concretas e reais da aplicación de solucións como o ERP (programa de planificación de recursos) ou un CRM (xestión da carteira de clientes) no seu negocio, mais tamén de elementos máis complexos como a Intelixencia Artificial, o Big Data ou o Blockchain.

Novos programas

Na súa intervención, Pedro Blanco avanzou ao tecido empresarial de Lugo dous novos programas do Goberno orientados a pemes e que mobilizarán 173 millóns de euros. Por unha banda, ‘Generación Digital Pymes’, dotado con 98 millóns de euros, para a capacitación de directivos con coñecementos e habilidades para a transformación dixital das súas empresas. A esta iniciativa súmase o Programa de “Apoio ao Emprendemento Industrial”, que facilitará a creación de novas iniciativas e o crecemento e mellora da competitividade das pemes industriais cunha inxección de 75 millóns de euros.

0.2042281627655