647.000 euros para mellorar a estrada LU-546 de Nadela a Maceda e na travesía de Sarria

LugoXa | SarriaXa
A Xunta sacou a licitación os traballos, que afectarán a uns 12 quilómetros da vía, que une Nadela e Monforte, e terán un prazo de execución de seis meses.
sarria obras lu 546 nadela monforte
25 Mar 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de licitar a execución de obras de reforzo do firme nun treito da estrada LU-546, que une Nadela con Monforte.

En concreto, actuarase no tramo de 10,6 quilómetros comprendido entre Nadela e Maceda, xa no concello do Corgo, e noutro treito de case un quilómetro na travesía de Sarria. Os traballos contan cun orzamento de 647.000 euros e terán un prazo de execución de seis meses.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, acompañado por persoal técnico da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), presentou hoxe en Sarria as actuacións programadas, que consistirán na realización de fresados localizados e a reposición do firme con mestura bituminosa en quente a carril completo. No caso da travesía de Sarria, renovarase a calzada en toda a lonxitude da travesía. Posteriormente instalarase nova sinalización horizontal en todas as zonas acondicionadas.

Arias explicou que con esta actuación se dará continuidade ás obras de mellora que foron executadas nos últimos meses noutros 10,7 quilómetros do mesmo vial ao seu paso polos municipios do Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria. Salientou ademais que este tramo é polo que se desvía o tráfico cando é preciso facer cortes puntuais para executar as obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria.

Esta intervención está incluída nun proxecto de reforzo do firme en tres estradas autonómicas que tamén contempla melloras na LU-636 e na LU-741. Todas estas obras veñen de saír a licitación por un importe total próximo a 1,7 millóns de euros. As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o 19 de abril.

0.092795848846436