82 palanadores xuntáronse na xornada billardeira do IV Aberto das Freces de Bretoña

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
82 palanadores xuntáronse na xornada billardeira do IV Aberto das Freces no que os agasallos foron unhas tallas en madeira
Billarda IV aberto das freces bretona 2023 1
12 Abr 2023

Por Daniel Rodríguez Saavedra da Asociación O Varal.

Fantástica tarde de sol no campo da festa de Bretoña para gozar dunha nova xornada billardeira na que se xuntaron 82 palanadores (52 homes, 16 donas e 13 cativos), que remataron a xornada gostando as típicas freces cas que un ano mais Milagros e súa nai agasallaron a todos os que acudiron a cita.

Era un terreo irregular e con anacos abondo esponxosos por mor do musgo ó que non todos os palanadores se deron adaptado.

Non foi o caso de Xosé Manuel de Castiñeiro Milenario que carreira tras carreira foi quen de atinar co varal sin precisar de mais de dous ou tres golpes por carreira, o que o levou a estrearse por primeira vez como campión da xornada con pleno de puntos (25). Noé de Troitas Bravas e Manu Pozo de Billardeiros Musicais, loitaron polo segundo e terceiro chanzo do podio, quedando nese mismo orden.

Castiñeiro Milenario atinou tamén en clave femenina con estrea de campioa, foi Vanesa quen dominou seguida de Aroa de Billardeiros Musicais e da infantil Antía de Troitas Bravas.

A categoría infantil dominouna Troitas Bravas con Antía, Alba e Martín Sandonguero ocupando as tres plazas do podio.

Por equipos a cousa está moi reñida, desta volta foron os Billardeiros Musicais os que se impuxeron a Troitas Bravas e Carabullo.

Houbo dous varados na xornada, o primeiro acadouno Manu Caldeiro que xa leva tres na tempada e o segundo foi do mago de Castropol David Navallo.

Oa agasallos aos gañadores consistiron nunhas tallas en madeira acompañadas de sendas empanadas de liscos para os tres do podio e para o equipo da xornada.

A vindeira xornada de Ponte de Outeiro, xógase o sábado 22 de abril no campo de fútbol de Muimenta.

As clasificacións logo desta xornada quedan deste xeito:

Individual:

  • Charli  (Carabullo) 234 p.
  • Manu Pozo    (Billardeiros Musicais) 191 p.
  • David Navallo (Troitas Bravas) 187 p.
  • Sachas   (Troitas Bravas) 147 p.

Donas:

  • Aroa (Billardeiros Musicais) 148 p.
  • Geni (Billardeiros Musicais)   121 p.
  • Irea (Carabullo)   96 p.

Equipos:

  • Troitas Bravas (A Pontenova) 854 p
  • Carabullo (Ponte de Outeiro) 821 p.
  • Billardeiros Musicais (Ribadeo) 800 p.
0.16107988357544