9 luminarias mellorarán a percepción visual da Muralla e da Ronda

LugoXa
O tenente alcalde de Lugo informou dos avances na obra da Ronda da Muralla, que se está a executar no treito entre as rúas Santiago e Vilalba.
rolda muralla rua vilalba alumeado
2 Nov 2021

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, informou dos avances na obra de humanización da Ronda da Muralla, que se está a executar no treito entre as rúas Santiago e Vilalba. Arroxo explicou que “vense de colocar o novo alumeado na zona, e unha vez que entre en funcionamento mellorará a percepción visual da Muralla”.

Nos últimos días instaláronse 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán adaptar a intensidade lumínica ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás. "Ademais, continuamos a avanzar na implantación do alumeado LED cun baixo consumo enerxético, para reducir a factura da luz e as emisións contaminantes", lembrou Rubén Arroxo.

Desde a área de Mobilidade e Infraestruturas agárdase que durante esta semana se recupere a normalidade do tráfico da zona, ao estarse rematando xa os traballos de pavimentación do novo vial para os vehículos. Arroxo lembrou que “nos vindeiros días reabrirase a circulación do tráfico neste treito, e a veciñanza poderá desfrutar dun novo treito da Ronda completamente renovado”.

0.20027995109558