A 22 edición do festival xuvenil de teatro grecolatino volve hoxe, martes 8, a Lugo
Volve a Lugo a 22 edición do festival xuvenil de teatro grecolatino. Dará comezo hoxe grazas á concellería de educación e difusión do coñecemento en colaboración coa Sociedade Española de Estudos Clásicos. “Dende o concello colaboramos facilitando as entradas aos centros de ensino e cedendo o auditorio municipal Gustavo Freire para as representacións”, indicou Felipe Rivas, concelleiro de educación que engadiu “dende a concellería de educación temos a intención de achegar ao estudantado, dunha maneira vívida, textos dramáticos, tráxicos ou cómicos”.
O Festival de Teatro Grecolatino de Lugo é un evento creado en 2001 pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudos Clásicos co propósito inicial de achegar as grandes obras do teatro grego e romano clásico aos estudantes do Ensino Secundario. A convocatoria está aberta a miles de estudantes de Galicia e doutras zonas do estado acoden cada ano a este festival.
En total, achegaranse a Lugo 1749 estudantes de distintos centros de Galicia e do estado.
PROGRAMACIÓN TEATRO GRECOLATINO 2022
O día 8 de marzo, martes, ás 12.00 horas terá lugar a obra Bacantes, de Eurípides da Compañía de teatro Noite Bohemia. Ás 17.00 horas será Anfitrión, de Plauto da Compañía de teatro Noite Bohemia.
O día 9 de marzo, mércores, ás 12.00 horas representarase Ifigenia en Áulide, de Eurípides da compañía de teatro El Ruiseñor e, ás 17.00 horas será El Persa, de Plauto da compañía de teatro El Ruiseñor.