A 27ª edición dos Xogos Autonómicos de Natación reuniu a 150 deportistas

A piscina das Pedreiras acolleu a 27ª edición dos Xogos Autonómicos de Natación organizados por Special Olympics Galicia, nun evento que reuniu a 150 deportistas pertencentes a 15 asociacións de toda Galicia, entre elas as lucenses San Vicente de Paúl e Aspnais.
Ademais, máis de 50 persoas entre adestradores, voluntarios e integrantes da organización participaron activamente nesta xornada deportiva.
Durante o acto, o deputado Rivera Capón destacou a forza e a superación dos deportistas, comparando o seu esforzo coa auga, que sempre atopa o seu camiño a pesar dos obstáculos. "Aquí non hai imposibles, só desafíos superados. Non hai límites, só novos retos por conquistar. Como dixo Nelson Mandela: 'Sempre parece imposible ata que se fai'. E vós facédelo posible con cada brazada, con cada chegada, con cada sorriso", expresou.
A Deputación de Lugo reafirmou o seu compromiso co fomento da práctica deportiva entre as persoas con capacidades diferentes e coa inclusión social a través do deporte cunha achega de 8.000 euros para este evento. Rivera Capón subliñou a importancia do labor desenvolvido por Special Olympics durante máis de 30 anos, centrado na accesibilidade, a educación e a visibilización. "Estes obxectivos impúlsannos a seguir traballando para desenvolver políticas sociais que favorezan a integración e a igualdade de oportunidades", asegurou.
Pola súa parte, a viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, salientou a Special Olympics como "exemplo de deportividade, superación persoal e compañeirismo", representando a "mellor faciana do deporte". Ademais, destacou o papel fundamental da Asociación Aspnais e Special Olympics na promulgación dos valores da deportividade, a unidade, a valentía e o esforzo, así como do seu compromiso coa inclusión, o respecto e a dignidade. Méndez subliñou que esta competición defende os valores polos que os socialistas galegos acadaron recentemente un acordo con tódolos grupos parlamentarios para garantir as boas condutas no deporte base, logo dos últimos casos de agresividade nas pistas deportivas. Este acordo insta á Xunta a elaborar un protocolo que proporcione ás entidades deportivas galegas e ás persoas organizadoras de competicións os recursos necesarios para previr a violencia no deporte.
Tamén estivo a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, que asegurou que "a inclusión real constrúese entre todos e todas con actos como este, con políticas públicas, e tamén con cada xesto cotián de respecto e acompañamento". A subdelegada destacou que o evento "é ao tempo unha celebración e unha mostra do esforzo diario de moitas persoas" e puxo en valor o papel fundamental que desempeñan as familias e os equipos de entrenamento. Tamén recoñeceu expresamente a xenerosidade das máis de 30 persoas voluntarias que fan posible esta xornada. "O deporte é saúde, pero tamén é integración, respecto e traballo en equipo", afirmou Rodríguez, quen animou ás e aos deportistas a desfrutar da competición e a sentirse orgullosos de representar ás súias asociacións e vilas. A subdelegada reafirmou o compromiso do Goberno de España coa igualdade de oportunidades, a accesibilidade e o recoñecemento pleno dos dereitos das persoas con discapacidade, e agradeceu especialmente a Special Olympics Galicia por converter Lugo, unha vez máis, nun punto de encontro para a inclusión e a convivencia.
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou que a celebración destes xogos autonómicos permite achegar o deporte ás persoas con discapacidade nun ambiente de igualdade. Neste sentido, agradeceu o labor de Special Olympics por permitir avanzar cara unha sociedade cada vez máis inclusiva e por incentivar diferentes disciplinas e os seus valores e beneficios entre as persoas con discapacidade. A Xunta colabora cada ano con esta entidade a través dun convenio nominativo, que neste 2025 ascende a 200.000 euros.
Este evento reafirma o papel do deporte como ferramenta educativa e de integración social, promovendo hábitos de vida saudables e o respecto polo adversario, e consolidando a natación como unha disciplina fundamental para a inclusión de persoas con capacidades diferentes.