A abella negra autóctona, protagonista dun curso en Becerreá

LugoXa
O Concello de Becerreá acolle a vindeira semana un curso de mellora xenética e selección da abella local negra autóctona galega.
abella
6 Maio 2022

O Concello de Becerreá acolle a vindeira semana un curso de mellora xenética e selección da abella local "negra autóctona" galega.
Esta acción, que terá lugar o luns e o martes no Centro de formación e experimentación agroforestal da localidade está programada pola Consellería de Medio Rural.

Con dez horas lectivas, entre teóricas e prácticas, os alumnos abordarán a selección de exemplares, tratando a poboación de abellas, a cría, o comportamento de defensa ou a produción de mel entre outros asuntos. Tamén falarán da mortandade natural por varroase ou sobre como acometer tests de hixiene, co establecemento dunha colonia de ensaio.

Seguidamente, instruirase sobre a preparación da nova colmea, a súa forza e saúde, a selección de cadros de abellas, a transferencia de cadros na nova colmea e a comprobación do volume de abellas en comparación co alimento necesario. Por último, de cara á fase de reprodución, formarase sobre a cría de raíñas, a fecundación natural e a fecundación artificial.

Esta acción desenvolta en Becerreá persegue fomentar a eficiencia dos recursos apícolas que contruibúen á sustentabilidade da economía rural. Ademais, busca impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables, facilitándolles a entrada no sector.

A iniciativa está dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos da agricultura, gandaría, industria agroalimentaria ou a cadea forestal- madeira. Tamén para a mocidade do medio rural interesada en incorporarse ao sector.

Aínda pode anotarse neste curso todo aquel interesado descargando a solicitude de preinscrición na páxina de formacións de Medio Rural e remitila cuberta a mercedes.fra.perez@xunta.gal.

0.17952489852905