A actriz e directora Carmen Méndez foi recibida na delegación da Xunta en Lugo

LugoXa
Tamén estivo o alcalde de Baralla, Miguel González Piñeiro, con quen o delegado territorial, Javier Arias, avaliou posibles vías de colaboración
actriz-Carmen-Méndez-na-Xunta-Lugo
27 Dec 2024

A actriz e directora Carmen Méndez, natural de Neira de Rei (Baralla), foi recibida na delegación da Xunta en Lugo por Javier Arias, que a felicitou polos novos éxitos que vén de conseguir coa súa primeira curtametraxe, ‘Pura’, que se fixo con tres galardóns na trixésimo sexta edición do Aguilar Film Festival.

Esta produción audiovisual, que contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das axudas para a promoción do talento galego, presentouse recentemente na Sección Oficial do festival de Aguilar de Campoo, onde conseguiu o Premio Águila de Ouro do Público -que conceden os espectadores cos seus votos ao final de cada sesión-, o Premio do Xurado Oficial á Mellor Montaxe e o Premio da Asociación ‘Tejiendo cambios’ á Mellor curta nacional dirixida por unha muller.

Carmen Méndez estréase como directora con esta curta documental autobiográfica, na que fai unha viaxe ás súas orixes acompañando á súa nai e a súa avoa nun percorrido polos recordos que lle serve de reconciliación coas súas raíces.

A obra de Méndez conta xa tamén no seu palmarés cos premios Supernova e Cátedra Cruz Vermella-USC, outorgados no festival compostelán Curtocircuíto.

COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA E BARALLA

Na xuntanza entre Javier Arias e Carmen Méndez estivo tamén o alcalde de Baralla, Miguel González Piñeiro, con quen o delegado territorial avaliou posibles vías de colaboración.

Neste sentido, o delegado territorial destacou que a cooperación entre as administracións autonómica e local “é fundamental para garantir a eficaz prestación dos servizos públicos, especialmente nos concellos rurais e con menos recursos”.

Arias referiuse á evolución dos traballos de acondicionamento que a Xunta está a executar na estrada LU-710 ao seu paso por Baralla, e que contan cun investimento de 2,3 millóns de euros.

A actuación, que comezou o pasado mes de agosto, desenvólvese nun tramo de 4,5 quilómetros e permitirá ensanchar e mellorar a plataforma da calzada ata os sete metros e aumentar a visibilidade en zonas concretas da estrada. Tamén se traballará na remodelación da intersección coa N-VI para facela máis segura, na rehabilitación do firme e na implantación de paradas de bus.

Lembrou ademais que Baralla é unha das entidades locais que veñen de resultar beneficiarias na convocatoria de axudas deste ano para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, que permiten dinamizar a economía e xerar novas actividades no ámbito local, contribuíndo ao mesmo tempo a fixar poboación.

0.17898297309875