A actriz María Vázquez, homenaxeada no Paseo do Cine de Lugo

A actriz galega María Vázquez, coñecida polas súas interpretacións en producións cinematográficas como Matria, foi homenaxeada no Paseo do Cine de Lugo, situado no parque de Frigsa, coa descuberta dunha praca que leva o seu nome. O acto estivo organizado pola Semana do Cine de Lugo, que dedica a súa 47ª edición á intérprete con raíces en Carballedo.
Na cita participou a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iría Castro, quen acompañou á actriz nunha cerimonia que puxo en valor a súa traxectoria e a súa contribución ao cinema galego. Ademais, no mesmo acto tamén se descubriu unha praca en memoria do actor galego Enrique Muíño, coñecido como “O gaucho galego”, emigrado a Arxentina e protagonista da edición de 2010 deste festival.
Con este recoñecemento, a Semana do Cine de Lugo reforza o seu compromiso de dar visibilidade a figuras destacadas da interpretación galega, tanto ás emerxentes como ás históricas, situando a cidade como un referente cultural vencellado ao mundo audiovisual.