A actualización das taxas afectará aos recibos do IBI e da auga e sumidoiros
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, avanzou as liñas que seguirá o proxecto de revisión de Ordenanzas previsto para este ano.
En total, modificaranse seis: a Fiscal Xeral; o Imposto de Bens Inmobles; as reguladoras das taxas polo Servizo Municipal de Subministración de Auga Potable a Domicilio e pola prestación do Servizo de Rede Sumidoiros, Saneamento e Depuración de Augas Residuais; a que rexe a prestación de Servizos Urbanísticos e, finalmente, a reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana.
A rexedora explicou que, dos cambios introducidos, só algunhas delas experimentarán unha actualización de tarifas.
“O Concello de Lugo leva 12 anos mantendo as taxas e tributos locais conxelados co obxectivo, especialmente na época da Covid e da postpandemia á que se uniu unha grave crise enerxética, de apoiar ás economías domésticas e contribuír á viabilidade do tecido produtivo. Atopámonos agora noutro momento, no da recuperación e superación desa etapa tan complexa e, cómpre, por tanto, actuar dende a responsabilidade para equilibrar o esforzo económico e fiscal que a Administración municipal veu facendo en todo este tempo para paliar, dende o sector público, as consecuencias da recesión vivida”.
“Iso non implica, non vai traer consigo – adiantou Paula Alvarellos - unha suba xeral das taxas, nin moito menos. Senón que, dende a rigorosidade, levamos a cabo unha revisión de custos de determinados servizos cuxa prestación resulta deficitaria polo encarecemento que supuxo para o Concello sen que, ata a data, isto repercutira no peto da cidadanía e, na conclusión dese estudo, quedou de manifesto que resulta imperativo actualizar, por agora, tres taxas: a do IBI, a Auga e os Sumidoiros”.
“É certo que a Intervención Municipal vén incidindo, durante os últimos exercicios, na necesidade de incrementar a inspección, de propiciar o afloramento de novos feitos impoñibles e de acadar unha maior recadación. Porén, teño a determinación de acatar estas recomendacións dunha maneira ponderada e acompañándoas doutras medidas, como unha mellor planificación contractual e orzamentaria e, sobre todo, dunha maior austeridade no gasto discrecional do Goberno algo que fixen dende o minuto un en canto cheguei á Alcaldía”, lembrou Alvarellos Fondo.
Baixo esta premisa, a mandataria lucense debullou, a continuación, as principais variacións que experimentarán as Ordenanzas que se modifican.
Ordenanza Fiscal Xeral
É a que sufre un maior número de cambios, de pequeno calado case todos.
Van dende a substitución de terminoloxía, facendo referencia á Sede Electrónica en lugar da Oficina Virtual Tributaria que figura actualmente, á inclusión das sancións de tráfico dentro do apartado das débedas que, segundo o seu importe e por motivos de eficacia, eficiencia e proporcionalidade non procede derivar a acción de cobro, pasando por unha actualización da normativa no que ten que ver coa representación voluntaria ante as Administracións, a regulación dos supostos de división de débedas entre varios obrigados, a incorporación de excepcións e supostos de denegación aos aprazamentos e fraccionamentos da débeda e mesmo a modificación dos custos de disposición de bolardos, a proposta do Servizo de Enxeñería, cuxo importe se situaba nos 102’65 euros por unidade e que agora pasará a ser de 158’75 €.
Ordenanza reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles
Por unha banda, o novo texto pasará a recoller o suposto da existencia de parellas separadas dentro das bonificacións fiscais a familias numerosas, indicando o procedemento e requisitos para solicitar a rebaixa.
Igualmente, proponse a engádega de dous novos artigos para clarificar, nun deles, todas as cuestións relativas ao Período Impositivo e Pagamento do Imposto e, no outro, para abordar o Réxime de Declaracións, Comunicacións e Solicitudes.
E tamén se introduce un incremento dos tipos do 10% para compensar que os valores catastrais de Lugo parten dunha ponencia de valores do ano 1998. “O feito de que este importe estea tan desfasado condiciona a fiscalidade municipal, en tanto obriga a elevar os gravames locais para adecuar o importe do tributo á realidade”, advertiu a alcaldesa.
Paula Alvarellos, explicou que o Concello aplicará unha pequena suba que elevará nun 0’07 o tipo que repercute sobre os bens de natureza urbana e nun 0’20 o tipo dos de natureza rústica que, neste último caso, estiveron sempre no tipo mínimo básico establecido por lei.
Así, o IBI dunha vivenda tipo en Lugo cuxo valor castastral sexa de 23.545 euros que pagaba 157’75 € pasará a ser de 174’23 € (16’48 € máis), ou noutra de 34.000 euros de valor castastral pola que agora se abonaba 233’90 euros ao ano, o IBI será a partir do vindeiro ano de 258’34 €, é dicir 24’44€ máis, segundo os exemplos facilitados pola propia rexedora quen cuantificou este pequeno aumento nun crecemento de case dous millóns e medio de euros (2.327.258 euros) na recadación anual do imposto. “Cartos que logo poderemos destinar á mellora de equipamentos e da atención asistencial, ampliando as prestacións existentes ou creando outras novas”, engadiu.
Ordenanzas reguladoras das taxas polo Servizo Municipal de Subministración de Auga Potable a Domicilio e pola prestación do Servizo de Rede Sumidoiros, Saneamento e Depuración de Augas Residuais.
Ambas as dúas presentan unha única modificación: a actualización de custos para axustalas ao IPC.
“Nestes casos en concreto, máis que polo incremento directo das taxas, optamos por aplicarlles, simplemente, a equiparación ao Índice de Prezos de Consumo, sen alcanzar o máximo que este indicador leva crecido na última década”, referiu a mandataria lucense xa que o IPC variou entre xullo de 2012 e xullo de 2024 nun 25’4 % mentres que o Concello só repercutirá á contraprestación destes servizos unha suba do 25%.
“A pesar desta magnitude, falamos de que o recibo medio dunha vivenda familiar común, composta por catro integrantes, pasará a encarecerse no seu conxunto en torno a 8 euros ao trimestre”, explicou Alvarellos Fondo.
A rexedora lembrou que as esixencias do marco legal europeo son moi elevadas en canto á tarificación sobre a subministración da auga. “Un reto que resulta imperativo asumir pero que queremos abordalo con moderación para que ese encarecemento non implique un desequilibrio nas economías das e dos contribuíntes. Cidadanía e tecido industrial son conscientes da suba de absolutamente todos os prezos: materiais, produtos, alimentos, subministracións enerxéticas, servizos, etc que eles tamén aplican ás e aos consumidores nas súas empresas e negocios. Trátase, polo tanto, dunha circunstancia que non pode ser allea para o Concello e que, logo de moitos anos asumíndoa integramente, debemos distribuír de xeito equilibrado entre o conxunto da veciñanza, dunha forma equitativa e ponderada”, remarcou Paula Alvarellos, ao tempo que sinalou que o aumento destas taxas na proporción sinalada redundará nas arcas municipais en algo máis de millón e medio de euros (1.584.537 €).
A alcaldesa lembrou, así mesmo, que o equipo técnico encargado da actualización das Ordenanzas está a analizar tamén a taxa pola prestación do Servizo de Recollida Domiciliaria de Residuos Sólidos Urbanos sen que a súa modificación “se vaia materializar por agora”.
“Na mesma liña de contención, estanse examinando en detalle todos os custos que implica a prestación deste servizo, que foi redimensionado baixo parámetros de calidade e sostibilidade hai pouco máis dun ano para adecualo á realidade urbanística local. En cambio o incremento do canon que Sogama pretende impoñer agora aos Concellos pola xestión que ela mesma fai dos residuos pode condicionar o importe que finalmente terá para as e os lucenses o recibo do lixo, de aí que, nestes momentos, esteamos a pelexar dende todas as instancias posibles a reversión desta medida tan onerosa coa que a Xunta pretende castigar aos municipios”, engadiu Paula Alvarellos.
Ordenanza reguladora da taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos, na que simplemente se reenumera un único artigo do texto en prol dunha maior corrección semántica.
Ordenanza reguladora do Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, que experimenta unha actualización dos coeficientes de aplicación (a maior parte deles á baixa) establecidos no Texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais para adecuarse aos últimos cambios normativos.
Xa para finalizar, a alcaldesa de Lugo, relatou que tan pronto este proxecto de revisión de Ordenanzas finalice a súa tramitación e acade a validación da Xunta de Goberno (o que se prevé suceda na vindeira semana) se elevarán a Pleno para a súa aprobación inicial e posterior exposición ao público, antes da súa ratificación definitiva e entrada en vigor.