A AECC organiza en Lugo unha charla sobre seguridade alimentaria como ferramenta de prevención

A Asociación Española Contra o Cancro en Lugo acollerá este xoves, 18 de decembro, unha charla titulada “Seguridade alimentaria: pequenos xestos, alimentos seguros”, que terá lugar ás 19:00 horas na súa sede.
Esta actividade enmárcase no Proxecto de Aprendizaxe-Servizo impulsado desde a Área de Nutrición e Bromatoloxía do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro en Lugo. Trátase dunha iniciativa educativa innovadora baseada na transferencia de coñecemento á sociedade.
O proxecto permite que o alumnado do último curso do Grao en Nutrición Humana e Dietética en Lugo complete a súa formación académica participando activamente na adquisición de competencias profesionais, ao tempo que ofrece á cidadanía un servizo de asesoramento en nutrición humanizado e profesional. Todo o traballo realízase baixo a supervisión de profesorado especializado e co apoio de investigadores en doutoramento.
A charla ten como obxectivo achegar á poboación consellos prácticos e sinxelos sobre como a seguridade alimentaria pode converterse nunha ferramenta clave de prevención fronte ás enfermidades. Aspectos cotiáns como a compra de alimentos ou a correcta colocación dos produtos na neveira son elementos fundamentais para mellorar a seguridade alimentaria no día a día.
Con este tipo de accións búscase reforzar a prevención e fomentar a implicación da cidadanía na loita contra o cancro a través de hábitos alimentarios máis seguros.
As persoas interesadas en asistir poden inscribirse de xeito gratuíto chamando ao teléfono 900 100 036 ou enviando un correo electrónico ao enderezo lugo@contraelcancer.es.
.