A AECC pide que se prohiba fumar no Parque de Rosalía de Lugo
A Asociación Española contra o Cancro (AECC) pide que se prohiba fumar no Parque de Rosalía de Castro da capital. O colectivo busca conseguir a primeira “xeración libre de tabaco” para o ano 2030. Con ese fin reclaman a ampliación da Lei Antitabaco para que contemple máis espazos públicos de convivencia “libres de fume”.
En Lugo, a AECC quere mobilizar á sociedade para liberar do fume do tabaco o Parque de Rosalía de Castro. Para iso, recollerán sinaturas que, posteriormente, servirán para instar ao Goberno a que acelere os prazos e comece a ampliación da Lei Antitabaco antes do fin de 2022.
Unha iniciativa coa que tamén colabora o Concello de Lugo. Para apoiala dende a veciñanza, a asociación creo a páxina http://acuerdocontraelcancer.com/espacios-libres-de-humo/ onde a cidadanía poderá asinar para “liberar de fume o Parque de Rosalía de Castro.
DATOS
Segundo informa a AECC o 72% dos menores están expostos ao fume do tabaco, o 43% deles en espazos ao aire libre. A inhalación de máis de 70 substancias canceríxenas que contén o tabaco multiplica o risco de desenvolver cáncer de pulmón en idades adultas. Asemade, critica o colectivo que en preto do 100% dos espazos públicos onde hai menores, hai restos de fume de tabaco, como poderían ser as terrazas.