A AELG organiza un obradoiro literario no Vello Cárcere

LugoXa
A actividade, promovida pola Escola de Escritoras-es da AELG coa Deputación de Lugo e o Concello, ofrecerá sesións de narrativa oral e creación literaria
O-Vello-Cárcere-fachada
9 Dec 2025

Lugo acollerá a partir do día 10 de decembro un novo obradoiro de creación literaria impulsado pola Escola de Escritoras-es da AELG, unha iniciativa que conta co respaldo da Deputación de Lugo e coa colaboración do Concello a través da súa área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua. A actividade desenvolverase no Centro Cultural Vello Cárcere e estará destinada a persoas maiores de 18 anos, cunha participación gratuíta previa inscrición.

O programa incluirá diferentes sesións impartidas por profesionais da narración oral e da escrita. Os días mércores 10 e venres 12, Carmen Conde ofrecerá un achegamento práctico ás estruturas narrativas inspiradas nos actantes de Vladimir Propp, explorando como aplicar estes esquemas a historias persoais, relatos de tradición oral ou mesmo a feitos históricos que permitan xogar coa mestura de elementos para crear contos únicos.

O mércores 17 será a quenda de Larraitz Urruzola, quen coordinará un taller centrado na construcción de obxectos narrativos e pequenas pezas escénicas mediante materiais sinxelos como papel de xornal e cinta adhesiva, combinando manipulación e creación oral para elaborar historias improvisadas.

Finalmente, o xoves 18, Avelino González conducirá unha sesión dedicada á expresión oral e escrita, na que se reflexionará sobre as distintas maneiras de recibir e transmitir unha historia, así como sobre a relación entre oralidade e literatura. O autor tratará tamén o concepto de “o lobo da xente” a partir dun texto de Vicente Risco, animando ás persoas participantes a crear e transformar narracións desde unha perspectiva propia.

⚙ Configurar cookies
0.067604064941406