A alcaldesa de Antas de Ulla explicará en pleno a débeda herdada do anterior goberno

LugoXa
"A xestión desleal e irresponsable do anterior goberno endebedou ao concello, arrastrándoo a unha situación sen precedentes e prexudicando a toda a cidadanía"
visita-delegado-antas-de-ulla-agosto-2023-1
27 Mar 2025

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, exporá no próximo pleno municipal ordinario a situación da débeda contraída polo anterior goberno local coa empresa Advon SL.

Esta débeda tivo a súa orixe en 2017, cando o goberno do exalcalde Javier Varela deixou sen pagar as obras no campo de fútbol municipal Castro Seoane, inicialmente contratadas coa empresa Galitec Desarrollos Tecnológicos SL.

García Porto destacou que "a empresa reclamou o pago pola vía xudicial, e o anterior goberno foi condenado en 2021 a aboar a débeda con xuros e os custos do proceso xudicial, o que incrementou significativamente a carga financeira do concello". Como consecuencia, a débeda alcanzou os 170.372,42 euros, duplicando o custo inicial das obras.

A pesar de que, tras a sentenza, un fondo de investimento adquiriu a débeda e Varela comprometeuse a aboar un 45% do importe inicial (76.667,61 euros) e o resto en pagos mensuais, este compromiso tampouco foi cumprido, segundo indicou a actual alcaldesa.

García Porto tamén sinalou que, a pesar dos intentos do actual goberno por renegociar a débeda coa entidade financeira, esta rexeitou calquera negociación e decidiu continuar co proceso xudicial.

"A xestión desleal e irresponsable do anterior goberno endebedou ao concello, arrastrándoo a unha situación sen precedentes e prexudicando gravemente a toda a cidadanía de Antas de Ulla", lamentou a rexedora.

Desde que asumiu o cargo en 2023, o goberno de García Porto abonou 170.000 euros da débeda herdada e mantivo ao día os gastos actuais, aínda que con moitas limitacións derivadas da situación económica do municipio. En total, o seu mandato comezou cunha débeda de 1,5 millóns de euros, detectando ademais que se desviaran 816.000 euros de fondos europeos destinados á Casa da Cultura para o pago de facturas e que quedaban pendentes de pago 341.072,63 euros en subministración eléctrica.

"Todo isto fai que a política do Concello estea condicionada polas sentenzas xudiciais, colocando a todo o municipio nunha situación moi complicada, na que a cidadanía é a principal prexudicada", advertiu a alcaldesa.

Porén García Porto reafirmou o compromiso do goberno local para minimizar o impacto desta situación nos investimentos e nos servizos municipais, asegurando que seguirán traballando para garantir o benestar dos veciños e veciñas de Antas de Ulla.

⚙ Configurar cookies
0.42810702323914