A alcaldesa de Antas inicia o mandato cunha redución dos gastos do equipo de Goberno

LugoXa
A rexedora de Antas de Ulla destacou como medidas fundamentais do novo goberno a redución dos gastos do Goberno nun 20%
Concelleiros Goberno Antas de Ulla 2023 2027
30 Xuño 2023

A alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, informa de que os acordos do Pleno de organización do Concello que vén de celebrar a Corporación municipal saíron adiante sen ningún voto en contra. A rexedora destacou como medidas fundamentais a redución dos gastos do Goberno nun 20%, o que supón un aforro con respecto ó anterior mandato de 11.617,36€ nos salarios de Alcaldía e Concelleiros, e o reforzo da participación e a transparencia.

No Pleno, celebrado o martes, aprobouse unha retribución anual bruta de 23.232,01€ para a alcaldesa e outra para un concelleiro pola mesma cantidade, o que supón un montante económico de 46.464€ en total. “Estamos profundamente comprometidos co futuro do noso pobo e este aforro ás arcas municipais revertera noutro tipo de iniciativas prioritarias para os nosos veciños e veciñas”, subliñou García Porto.

“Adoptamos esta medida por coherencia cos nosos principios éticos xa que, por unha banda, baixou a poboación de Antas e consecuentemente o número de edís na Corporación municipal, que pasou de 11 aos 9 actuais, e por outra, queremos ser un Goberno equilibrado no gasto, optimizando os recursos para ser o máis eficientes posible”, remarcou a Alcaldesa.

Máis competencias na Xunta de Goberno e máis plenos ordinarios

Xunto á redución dos gastos do Executivo, tamén se reforza a participación e a transparencia porque a Alcaldesa abre a toma de decisións á Xunta de Goberno Local delegando competencias neste órgano, que terá unha periodicidade quincenal e celebrarase o primeiro e o terceiro xoves, non festivos, de cada mes, ás 13,00h, no Salón de Sesións do Concello.

A Xunta de Goberno estará formada pola Alcaldesa e polos concelleiros José Manuel Quintá Rojo e José Ouro Mariño.

Ademais, increméntase a periodicidade do Pleno ordinario, pasando a celebrarse cada dous meses, en lugar de cada tres, e fixándoo para as 20.00h, en vez de ás 13.00h, co fin de que poidan acudir os veciños e veciñas con maior facilidade. As sesións plenarias celebraranse en concreto o último xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro. A asignación por asistencia aos plenos e comisións será de 60€.

Concelleiros e áreas

No Pleno de organización aprobouse o nomeamento como 1º Tenente de Alcalde de José Manuel Quintá Rojo e, no que se refire ás atribucións por áreas dos concelleiros do Goberno municipal, son as seguintes:

  • José Manuel Quintá Rojo: Concelleiro Delegado de Cultura e Deportes.
  • Ana María Guerreiro Gómez: Concelleira Delegada de Servizos Sociais, Xuventude, Familia e Participación Cidadá.
  • José Ouro Mariño: Concelleiro Delegado de Servizos Municipais, Medio Rural e Promoción do Territorio.
  • José Manuel Almuiña Guerreiro: Concelleiro Delegado de Obras e Infraestruturas.

A Comisión Especial de Contas estará presidida pola Alcaldesa e como vogais formarán parte, en representación do PSdeG, José Manuel Quintá Rojo, e polo PP, Javier Varela Pérez. A rexedora tamén será a representante do Concello no Consello Escolar do CEIP de Antas de Ulla.

Por último, aprobouse o nomeamento de Pilar García Porto como Presidenta do Consello de Administración da Empresa de Promoción Integral do Concello de Antas de Ulla (ÉPICA) e como Vicepresidente a José Manuel Quintá Rojo. A Secretaría recae na mesma persoa que na Corporación municipal.

0.19838690757751