Os almacéns municipais de Lugo gardan máis de 15.000 pezas de cerámica, bronce ou vidro
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, revisou, con detalle, os almacéns que o Concello ten na Casa da Xuventude e no Vello Cárcere e nos que se conservan centos de pezas antigas, recuperadas ao longo de décadas e das moitas obras e escavacións desenvolvidas na cidade. A rexedora estivo acompañada polo arqueólogo municipal, Enrique González, que fixo un balance dos restos máis importantes de cantos se conservan e das distintas pezas - máis de 15.000 - de cerámica, bronce, ferro, vidro, moedas e material lítico que acollen os almacéns municipais.
Neste sentido, a alcaldesa destacou que “os restos arqueolóxicos son un legado importante do noso pasado e tamén un recurso incalculable para o noso futuro, polo que reiteramos á Xunta a necesidade de que se comprometa xa con Lugo e co Museo da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando”.
Para Paula Alvarellos “a conservación destes achados debe ser unha preocupación común a todas as administracións, en tanto estas pezas teñen un valor incalculable desde o punto de vista cultural e patrimonial”. Pero ademais, sostén Paula Alvarellos, “nun centro museístico poderanse levar a cabo labores de investigación, custodia, difusión e promoción o que, ao longo prazo, redundará nun maior coñecemento e prestixio da cidade”.
A rexedora xa trasladou a importancia desta insfraestrutura cultural ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na reunión que mantiveron o pasado 9 de xullo, e agarda “que sexa receptivo ás reivindicacións das e dos lucenses e que se comprometa dunha forma decidida e real con este proxecto”. Pola súa banda, o arqueólogo municipal, Enrique González, relatou o importante legado que atesoura Lugo e sinala que “o Concello custodia gran cantidade de restos arqueolóxicos procedentes das escavacións acometidas na cidade entre os anos 1986 e 1993, conformado por distintos tipos de materiais: cerámica, vidro, bronce, ferro, moedas, líticos, osos de animais, etc, maioritariamente pertencentes á época romana, entre os séculos I e VI d.C., pero tamén conta con algunha mostra, aínda que minoritaria, de época medieval e moderna”.
Na actualidade, estes restos pódense ver na Sala de Exposicións Porta Miña (na que se exhiben 232 pezas), no MIHL (13), na Casa dos Mosaicos (9), no Centro Arqueolóxico San Roque (22), e no Centro de Interpretación da Muralla, así como nos xardíns da Praza do Campo Castelo onde se atopan expostas 9 pezas líticas como perpiaños de acueducto, bases/fustes de columna ou escudos heráldicos.
Pero ao marxe das que están ao alcance do público, tamén hai miles de pezas gardadas nos almacéns do Vello Cárcere, Casa da Xuventude e Frigsa e que agardan a súa musealización. Sobre este aspecto, a alcaldesa sostén que “é case incalculable o valor da cantidade de pezas que están dispersas polos diferentes almacéns municipais, Museo Provincial e Museo do Castro de Viladonga, así como custodiadas nos propios domicilios das e dos arqueólogos que escavan na cidade, ante a falta dun espazo de almacenamento común, e creo que é un recurso que forma parte do patrimonio de todas e todos os lucenses que Lugo debería aproveitar”.