A alcaldesa de Lugo destaca o papel das entidades locais para combater o reto demográfico

LugoXa
A rexedora inaugurou a Conferencia de Alto Nivel sobre Envellecemento que acolleu este venres O Vello Cárcere con motivo da presidencia española do Consello da UE.
firma libro de honra lugo vicepresidenta europea
8 sep 2023

A rexedora inaugurou a Conferencia de Alto Nivel sobre Envellecemento que acolleu este venres O Vello Cárcere con motivo da presidencia española do Consello da UE.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da vicepresidenta da Comisión Europea para asuntos de Democracia e Demografía, Dubravka Šuica; o secretario xeral para o Reto Demográfico, Francesc Xavier Boya; e o secretario de Estado para a Unión Europea, Pascual Navarro, inauguraron este venres a Conferencia de Alto Nivel sobre Envellecemento, que acolleu o centro cultural O Vello Cárcere con motivo da presidencia española do Consello da Unión Europea.

O evento converteu a Lugo no epicentro europeo do reto demográfico, coa participación de figuras punteiras na materia que avaliaron a situación actual e expuxeron modelos de futuro. Así, o evento contou cunha parte técnica composta por dous paneis diferenciados: o primeiro abordou a lonxevidade e os retos demográficos na Axenda Europea, mentres que o segundo afondou na economía prateada e a problemática asistencial.

Na apertura, Lara Méndez destacou o papel fundamental das entidades locais como “actores principais nesta transformación para paliar e combater o reto demográfico, un dos problemas máis xeneralizados que temos no territorio europeo”. Neste senso subliñou a necesidade de “seguir traballando para conseguir un envellecemento activo e que este colectivo siga sendo un actor importante no desenvolvemento das cidades e do territorio”.

A rexedora expuxo algunha das iniciativas postas en marcha polo Executivo Municipal como o programa Acompañámoste “un programa que puxemos en marcha desde a área de Benestar durante a pandemia, precisamente para evitar a soidade non desexada de persoas maiores”, así como outro tipo de iniciativas destinadas á formación, sobre todo no ámbito das novas tecnoloxías, “non podemos ter a un colectivo illado da sociedade, porque este illamento produce tamén deterioración persoal”, explicou.

En canto ao reto demográfico, Méndez subliñou que se debe actuar dende diferentes ámbitos, “un deles é a capacidade que teñamos de reter talento” expicou, pois, “coa situación actual somos incapaces de reverter a pirámide demográfica e, por tanto,é necesario impulsar iniciativas coas que atraer a máis persoas aos nosos territorios, polo que unha parte importante tamén pasa pola capacidade que teñamos de transformar economicamente as nosas cidades”, apuntou.

Como exemplo destas iniciativas, Méndez subliñou a estratexia Lugo Transforma, “un fondo de capital risco que pretende atraer empresas e xerar postos de traballo e isto é, precisamente, o que afianza a xente no territorio, xerando empregos de calidade que permitan desenvolver un proxecto vital”, destacou.

Panel 1: Envellecemento, lonxevidade e demografía na axenda europea

O primeiro panel técnico –moderado por María Lledó, secretaria xeral para a Unión Europea– estivo conformado por Miguel Ángel Cabra, conselleiro do Comité Económico e Social Europeo; Juan Martin, coordinador do Centro Internacional sobre o Envellecemento; Teresa López, presidenta de Fademur; e Verónica Marcos, presidenta de Fademur Galicia.

Durante o mesmo, apuntouse o envellecemento e despoboamento como dúas prioridades claras da presidencia española da Unión Europea. Falouse do envellecemento como oportunidade, tendo en conta que somos unha das sociedades máis lonxevas, o que supón un éxito, pero tamén un cambio na mirada conxunta da sociedade.

Neste senso, abordouse a necesidade de analizar os datos do conxunto da Unión Europea para tomar as decisións adecuadas que correspondan ás necesidades deste sector da poboación e moi especial ás necesidades das mulleres no medio rural: maior dignidade de vida e de traballo, medios e autonomía persoal, servizos básicos e infraectructuras, seguridade, loita contra a violencia de xénero, etc.

Panel 2: Economía prateada e problemática asistencial dos maiores

No segundo panel participaron Olga López, concelleira de Benestar Social; Pablo Rivera, diputado provincial da Área Económica e Social; Luis Alberto Barriga, director do Imserso; José Augusto García, presidente da Sociedade Española de Xeriatría e Xerontoloxía; e David Curto, director médico e de calidade de Sanitas.

Durante o mesmo expúxose a atención aos maiores como un dereito que debe ser garantido polos poderes públicos e tutelado por estes, entendendo que o sector privado pode xogar tamén un papel importante na complementaridade e garantía deses dereitos.

Por outra banda, a edil lucense lembrou que “a inmensa maioría das persoas que traballan no ámbito dos coidados a maiores son mulleres, son traballos que se desenvolven en condicións de precaridad, polo que é necesario facer un esforzo importante como sociedade para dignificar e superar esta situación”.

Tamén destacou “o importante papel das administracións locais e provinciais, as máis próximas ao territorio e ao cidadán, sendo fundamentais na proporción deste tipo de servizos, como a loita contra a soidade non desexada”.

Finalmente, fíxose alusión á fenda dixital, apuntando que se debe abordar desde dous puntos de vista: desde a formación para persoas maiores que por razóns de idade non están tan familiarizados co uso de tecnoloxías que cambian de maneira moi rápida; pero tamén a necesidade de manter, polo menos de maneira transitoria, alternativas para todas aquelas persoas que requiran de servizos de maneira presencial.

0.19589495658875