A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, primeira presidenta do Eixo Atlántico
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, foi elixida presidenta do Eixo Atlántico na Asamblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela no 30º aniversario da entidade.
A Asamblea Xeral aprobou o programa para 2022 centrado en 5 eixos prioritarios: cohesión social, sostibilidade urbana, innovación, desenvolvemento económico e internacionalización. Os representantes dos 39 municipios e deputacións que integran o Eixo Atlántico aprobaron tamén un presuposto de máis de 4 millóns e medio de euros.
A Asamblea, a primeira presencial tras a pandemia, celebrouse en Santiago de Compostela como recoñecemento ao Camiño de Santiago e ao sector turístico, un dos máis castigados pola pandemia e que vai xogar un papel importante na recuperación económica.
Na Asamblea aprobouse o informe de xestión política do presidente salinte e alcalde de Braga, Ricardo Rio, recoñecéndoselle o extraordinario traballo realizado nas condicións, probablemente, máis difíciles nos 30 anos de vida do Eixo Atlántico xa que lle tocou xestionar os dous anos de pandemia e a consecuente paralización das actividades. A pesar diso, durante a súa presidencia desenvolvéronse accións altamente innovadoras a nivel europeo como a conferencia de alcaldes e expertos de alto nivel de Pontevedra. Nesta reunión aprobáronse modelos e estratexias para xestionar as consecuencias ocasionadas no económico e no social das cidades tras a pandemia.
Durante a presidencia de Ricardo Rio tamén se iniciou o proceso de internacionalización do Eixo Atlántico con 5 proxectos aprobados e financiados pola Comisión Europea en Asia, Canadá e América do Sur.
Para Ricardo Rio: “O tempo é algo que non flúe sen que nel debamos deixar a nosa marca, o noso traballo e o noso espírito crítico e decidido, sendo esta a mellor herdanza e futuro que podemos deixar ás próximas xeracións. O período no que, con extremo orgullo e determinación, liderei os destinos do Eixo Atlántico foi significativo e espero que as bases lanzadas nos proxectos ata aquí desenvoltas, sexa unha plataforma prolífica para o destino do Eixo Atlántico con evidentes vantaxes para toda a eurorrexión e os seus cidadáns. Xuntos continuaremos sendo máis fortes”.
A Asamblea recoñeceu especialmente o esforzo na coordinación e no intercambio de información realizado polo Eixo Atlántico durante o confinamento, as xestións co Goberno de Portugal e a Xunta de Galicia para minorar as limitacións dos gobernos sobre a mobilidade entre poboacións de ambos lados da fronteira. Especialmente, valorouse a creación das comisións políticas que garanten a participación activa de todos os alcaldes e alcaldesas na identificación das actuacións para saír da crise, así como una estratexia conxunta para a xestión dos Fondos Next Generation.
O programa para 2022 aprobado na Asamblea Xeral impulsa un conxunto de propostas en sintonía coa nova política da Unión Europea, e os seus instrumentos financeiros para o período de 2021-2027. O Plan de Mobilidade Urbana Sostible, o mapa de cohesión social, o Plan de Sostibilidade Urbana e o Plan de Descarbonización do Sistema Urbano do Eixo Atlántico, entroncan co Pacto Verde Europeo, o Nuevo Bauhaus ou as medidas enerxéticas que a Comisión Europea está desenvolvendo.
Entre isto, o Eixo Atlántico presta especial atención a plans enerxéticos que melloran a competitividade e favorecen o descenso dos prezos da enerxía, a calidade do aire e a prevención da contaminación atmosférica, causante dun elevado número de casos de cancro de pulmón.
Igualmente, nos próximos meses presentarase o primeiro informe socioeconómico do Eixo que constitúe unha fotografía en alta definición da situación social e económica das cidades e do territorio tras a pandemia.
No ámbito do desenvolvemento económico continuarase o diálogo cos gobernos para a mellora das conexións ferroviarias e a conexión vertical Lisboa- Coruña coa saída sur de Vigo e a nova liña ferroviaria Oporto Vigo, complementaria da liña do Miño. Así mesmo, verificarase que o AVE galego cumpra todos os parámetros dun tren de Alta Velocidade de última xeración. Tamén se vixiará que a chegada do AVE non oculte outras necesidades pendentes dende fai moito tempo e que cada vez son máis urxentes.
A dixitalización e o turismo constitúen actuacións prioritarias no programa co desenvolvemento de conceptos promovidos polo Eixo Atlántico nos seus 30 anos: o turismo trasfronteirizo e o turismo de autor.
Finalmente, a cultura, a educación e o deporte, señas de identidade do Eixo Atlántico, contribuirán á reconstrución do tecido cultural e da cohesión social tras a pandemia.
Toda esta experiencia constituirá o contido das estratexias de internacionalización que promove a posta en valor das experiencias máis innovadoras das cidades no plano internacional (con especial interese con cidades de Asia e América, tanto do Norte, como do Sur), así como o impulso a novos proxectos conxuntos cofinanciados pola Comisión Europea.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu a confianza posta nela para presidir a nova etapa do Eixo Atlántico, “que será de especial transcendencia porque os concellos afrontamos enormes retos derivados da crise sanitaria, social e económica post pandemia, e se nos abre agora unha oportunidade única cos fondos europeos para camiñar cara unha transformación real dos nosos territorios para saír reforzados. As entidades locais debemos traballar unidas e situar a nosa influencia no ámbito que lle corresponde xa que fomos as que contivemos os efectos máis perniciosos da pandemia, e somos as que temos a capacidade de coñecer as necesidades e de axilizar a execución das respostas”.
Pola súa parte, o Secretario Xeral, Xoan Vázquez Mao, resaltou o feito de que tras unha crise económica que afectou de maneira singular a Portugal e España e unha pandemia, “o Eixo Atlántico continúa en primeira liña con novas incorporacións de municipios, como máis cidades que solicitaron a súa adhesión; cun programa e un presuposto consolidado máis ambicioso, incluso por encima de anos anteriores á pandemia ao que se une a súa posición de liderado en Asia e América”.