A alcaldesa de Lugo reúnese co escritor Paco Martín, que dará nome ao centro social da Piringalla

LugoXa
O Concello destinou 800.000 euros ás novas instalacións e prevé que estén rematadas o vindeiro mes de abril
lara méndez e escritor paco martín
6 Feb 2021

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reuniuse este venres con Paco Martín, o escritor lucense que dará nome ao centro social e de convivencia da Piringalla, cuxas obras se atopan na fase final.

Paco Martín é un dos escritores en lingua galega máis recoñecidos e aprezados polo público, e marcou un fito na historia da literatura ao gañar, por primeira vez cunha obra en galego, Das cousas de Ramón Lamote, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Agora, con esta homenaxe, dixo a rexedora lucense, "queremos que a súa traxectoria perdure no tempo e que o seu legado sirva como referencia para os mozos e mozas que se están a iniciar no mundo literario ou teñen paixón pola literatura”.

En canto ao centro social ubicado na Piringalla e que levará o nome do escritor, o Concello prevé que esté rematado no mes de abril. Os traballos para a posta en marcha deste novo centro interxeracional iniciáronse no ano 2010 e supuxeron un investimento de máis de 800.000 euros. A idea inicial do Concello era que o inmoble acollese soamente unha biblioteca, pero finalmente o proxecto foise ampliando para contar con espazos de usos múltiples, zona infantil, bebeteca, salas de lectura e despachos.

No ano 2014, o pleno municipal acordou que as  instalacións levasen o nome de Paco Martín.

PACO MARTÍN

Francisco Martín Iglesias, coñecido como Paco Martín, naceu en Lugo, en 1940. Foi profesor de primaria ata a súa xubilación, no 2000. En 1971 publicou a súa primeira obra, a partir dunha escolma de pequenas pezas narrativas que levou por título Muxicas no espello. En 1975 presenta a súa primeira novela No cadeixo, finalista do Premio Galaxia de novela convocado en 1975 co gallo do 25 aniversario da editorial.

En 1981 publicou a novela E agora cun ceo de lama, pero sería en 1985 coa publicación do libro Das cousas de Ramón Lamote, cando acadaría maior recoñecemento. A obra foi traducida a varios idiomas e con ela acadou o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, en 1986. O seguinte título do autor foi Lembranza nova de vellos mesteres (1988), ao que seguiron Servando I rei do mundo enteiro (1990) e Tres historias para ler á noite (1992). No 2006 publicou A bisneta lercha e, en 2008, unha secuela de Das cousas de Ramón Lamote, titulada Das novas cousas de Ramón Lamote.

Paco Martín tamén foi director do suplemento Axóuxere -Semanario do neno galego. Durante sete anos dirixiu o Departamento de Produción de Material Didáctico para o Ensino en Galego da Xunta de Galicia. Foi membro do consello de redacción de A trabe de ouro e columnista en varios xornais da comunidade.

0.108882188797