A alcaldesa de Lugo trata coa veciñanza do Sagrado Corazón as necesidades dotacionais do barrio
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, vén de manter unha reunión coa veciñanza do Sagrado Corazón para abordar as demandas do barrio.
No encontro, ao que acudiu acompañada da voceira municipal e do concelleiro de Relacións Institucionais, Ana González Abelleira e Mauricio Repetto, participaron ao redor de medio cento de persoas que trasladaron diferentes peticións como estudar o cambio de situación dalgúns colectores, acometer melloras no parque infantil, intensificar as tarefas de limpeza ou retirar da vía pública varios vehículos abandonados, que a rexedora se comprometeu a derivar aos servizos correspondentes.
Igualmente, Alvarellos Fondo, aproveitou a xuntanza para coñecer a visión das e dos asistentes sobre o proxecto presentado pola Xunta de Galicia para a construción do novo centro de saúde e a urbanización da súa contorna. “Xa que dende o Concello estamos a avaliar a proposta autonómica quixemos pulsar se esta resulta idónea para a veciñanza e se cumpre coas expectativas e, sobre todo, coas necesidades da súa poboación”, indicou a alcaldesa.
A este respecto, algunhas das persoas que acudiron á reunión amosaron a súa inquedanza pola falta de planificación a medio e longo prazo dos equipamentos comunitarios que, atendendo á propia configuración do barrio e das e dos seus residentes, se fan cada vez máis necesarios.
Así, sinalouse que a parcela que a Administración local permutará con Afundación, e que ocupa unha extensión de 5.700 metros cadrados, é a única zona dotacional da que se dispón nesta parte da capital. “De aí que algúns veciños vexan con preocupación que nos terreos non se faga, con previsión, a reserva precisa para poder construír proximamente, por exemplo, un centro para maiores e atención a dependentes, unha pista deportiva, unha gardería ou un centro social máis amplo e polivalente que convide á mocidade a instalarse neste punto da capital”, explicou.
“O Sagrado Corazón, as Gándaras e mesmo Paradai experimentarán un salto cualitativo coa construción da Estación Intermodal e a creación do paso de cidade que conectará todo este ámbito urbano. Sería unha mágoa non aproveitar a ocasión para incorporar ao seu desenvolvemento infraestruturas de servizos coma estas que garantirían a supervivencia dos barrios e a súa revitalización, ao tempo que se ofrecen prestacións en prol de incrementar a calidade de vida, especialmente na terceira idade”, engadiu a mandataria lucense.
Así mesmo, a rexedora compartiu co colectivo veciñal a súa inquietude ante o posible xiro de guión xa avanzado polo Executivo galego ao respecto dos compromisos anunciados durante anos para vehicular o convenio entrambas as dúas administracións “e que agora leva trazas de querer cambiar de xeito unilateral”, advertiu, en alusión á petición da Xunta dunha maior implicación por parte da institución local.
“A veciñanza do Sagrado Corazón - e o Concello de Lugo con ela - leva moito tempo reivindicando un centro de atención primaria no barrio que estea ben dimensionado e sexa accesible. Unha dotación que esixía, para a súa materialización, a adquisición dos terreos e a súa cesión á Xunta de Galicia para a construción deste inmoble. O Goberno municipal, tal e como prometemos, está en disposición de asinar a permuta dos predios. É dicir, os e as lucenses imos contribuír a esta nova infraestrutura con 1.200.000 euros, que é a cantidade na que se taxaron os terreos. Pero tamén entendemos que a contraprestación correspondente pasa porque todas as partes cumpran o acordado e os e as veciñas deste barrio vexan atendidas debidamente as súas demandas. Este é o momento de telas en conta e de incorporalas á folla de ruta do Executivo galego. Que non pase como por desgraza xa vivimos co Museo da Romanización polo que seguimos agardando a pesar de ter adquirida a construción como parte dun trato que logo quedou nun caixón e que nunca chegou a formalizarse”, concluíu Alvarellos Fondo.