Arranque oficial das obras da Intermodal de Lugo por parte da Xunta
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou xunto coa directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, as obras da estación de autobuses intermodal de Lugo que comezaron esta mesma semana. O proxecto enmárcase nun convenio asinado o ano pasado entre a Xunta, Adif e o Concello de Lugo por máis de 49 millóns de euros.
O investimento do Goberno galego supera os 13 millóns para a construción da nova estación de autobuses e dun aparcamento subterráneo con 240 prazas, que responden a unha necesidade da estación de ferrocarril e da propia cidade.
En concreto, nove millóns destinaranse á nova estación conta cunha superficie de 550 metros cadrados con dous andares -un para usos administrativos e outro para case unha vintena de dársenas- con espazos diáfanos no interior con zonas de atención e servizos ás persoas usuarias e zonas de acceso no exterior. Os 4,7 millóns restantes resérvanse a financiar parte do aparcamento, asumindo máis do 37% do investimento ademais de executar o proxecto redactado por Adif.
Durante a visita, explicou que os traballos iniciados lévanse a cabo en coordinación coas obras da estación ferroviaria. Estas obras da estación de autobuses intermodal de Lugo son financiadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional do programa operativo Feder Galicia 2021-2027.
Tras a sinatura da acta de replanteo estanse a levar a cabo actuacións como o cerramento da obra, o despexe e desbroce na zona de actuación e tamén se realizará a demolición dunha nave existente e a reposición dos servizos afectados.
Como explicou Diego Calvo, a Administración autonómica mantén o seu compromiso para dotar Lugo dun gran centro de transporte público, cunhas instalacións modernas e accesibles e cun aparcadoiro subterráneo.
A intermodal de Lugo complétase con outras actuacións que son competencia das demais administracións que forman parte do acordo, isto é, o novo edificio da estación de ferrocarril, que inclúe un novo edificio e un paso inferior e a integración urbana, a construción dun novo paso de cidade, un paso inferior peonil entre o centro urbano e o parque Sagrado Corazón, que conectará ambos os lados das vías vertebrando a cidade.
Ademais da colaboración entre administracións na posta en marcha desta infraestrutura, o conselleiro incidiu no deber de traballar xuntos na defensa dun reforzo dos servizos ferroviarios na provincia, debido a que a actual oferta é insuficiente e incapaz de responder ás necesidades de mobilidade dos veciños de Lugo.
Nesta liña, o conselleiro de Presidencia lembrou a reiterada demanda ao Goberno central para crear unha mesa técnica de coordinación coa Xunta para acadar tempos de viaxe competitivos de Lugo con Ourense e Madrid en alta velocidade. Para iso é preciso -explicou- que o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible avance nas variantes necesarias, ao mesmo tempo, que avanza noutras conexións pendentes coas que mellorar a mobilidade na cidade de Lugo como o remate da autovía Santiago-Lugo ou a reparación da autovía A-6 ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro.
Diego Calvo tamén se referiu a licitación a finais de agosto por parte do ministerio do estudo previo para a mellora da conexión ferroviaria Lugo-Santiago e incidiu na necesidade que, a diferencia doutros proxectos, se materialice no tempo comprometido.
A alcaldesa pide celeridade á Xunta coas obras de Intermodal
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, na súa visita ás obras da Intermodal, que o Goberno local está a executar en colaboración co ADIF e co Goberno galego. A rexedora municipal aproveitou a visita de Calvo para pedirlle “celeridade nuns traballos que acumulan meses de atraso, e para poñer unha marcha máis que corrixa a demora na construción da estación de autobuses, que depende da Xunta de Galicia”.
Co respecto a esta futura infraestrutura, a rexedora municipal lembrou que “isto é un proxecto a tres bandas, polo que a colaboración entre administracións é crucial. Pedímoslle celeridade ao Goberno galego, ao igual que llo trasladamos ao Goberno central e ao seu ministro de Transportes na súa visita a Lugo”. Neste sentido, fixo fincapé en que “de nada sirve que o ADIF e o Concello rematen a estación de tren e o paso de cidade, - unhas obras que comezaron hai meses e nas que se está a traballar en varias quendas-, se non temos operativa a nova estación de autobuses, porque se perde a intermodalidade. É por iso que o Goberno galego debe axilizar ao máximo unhas obras que son cruciais para a cidade”.
Co respecto ás infraestruturas que dependen do Concello de Lugo e o ADIF, a alcaldesa comentou que desde hai meses se está a traballar no desenvolvemento da área intermodal coa construción dese novo paso peonil entre o centro urbano e o parque do Sagrado Corazón, que conectará ámbolos lados da canle ferroviaria.
Trátase dunha intervención que ascende a 11,6 millóns de euros, financiados nun 60 % por ADIF e nun 40 % polo Concello. Este paso de cidade transformará esta contorna, o que a xuízo da rexedora municipal “permitiranos comunicar os barrios de Paradai e Sagrado Corazón, rompendo así co illamento histórico ao que o actual trazado sometía a estas dúas zonas da cidade. A nova Intermodal suporá ese cambio urbanístico para estes barrios, pero tamén traerá consigo moitas posibilidades de expansión e crecemento para eses barrios, e tamén para As Gándaras”.
Á marxe do punto de inflexión que suporá para a cidade e para esas zonas, Paula Alvarellos incidiu en que “a intermodal está chamada a transformar a nosa competitividade territorial ao conectar Lugo coa alta velocidade. Estamos convencidos de que a mellora das nosas comunicacións é un factor determinante para poder expandir o noso tecido produtivo e fixar poboación, de aí que insistamos na necesidade de imprimirlle unha marcha máis e de actuar con dilixencia e celeridade nun proxecto vital para as e os lucenses e para o futuro da cidade”.