A ALCER Lugo instalou mesas para recadar diñeiro polo Día Mundial do Ril

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, achegáronse ata a mesa de cuestación instalada pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Ril (ALCER Lugo) diante do Pazo de San Marcos con motivo do Día Mundial do Ril.
Este evento, que se celebra anualmente o segundo xoves de marzo, ten como obxectivo concienciar á poboación na prevención e na detección precoz da enfermidade renal crónica.
Para conmemorar esta data, ALCER Lugo tamén instalou mesas informativas no Concello de Lugo e no Hospital Universitario Lucus Augusti, onde se destacou a importancia do coidado da saúde renal e informouse aos cidadáns sobre hábitos de vida saudables para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por enfermidades renais.
José Tomé Roca valorou o traballo realizado por ALCER Lugo durante máis de 40 anos, destacando o apoio integral que brindan aos seus usuarios e as súas familias, proporcionando asesoramento personalizado e apoio social, físico, psicolóxico e nutricional para mellorar a súa calidade de vida.
O presidente da Deputación lembrou que a institución mantén un "firme compromiso" coa asociación, achegando anualmente 6.000 euros, ao considerar que “as administracións públicas deben estar ao carón deste tipo de colectivos”. Tamén subliñou a importancia de "apoiar as accións e as actividades que levan a cabo e que sensibilizan directamente aos veciños e veciñas".