A alta velocidade ferroviaria, Alcoa e a PAC protagonizan o mitin do PP en Lugo para as europeas

LugoXa
O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide aos galegos e galegas que acudan masivamente a votar o próximo 9 de xuño
mitin_pp_europeas_lugo
3 Xuño 2024

O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pide aos galegos e galegas que acudan masivamente a votar o próximo 9 de xuño para validar o modelo da Galicia que funciona fronte aos incumprimentos de Pedro Sánchez e o radicalismo dos independentistas: “Nestas eleccións vótase Europa, pero tamén se votan España e Galicia”:

Nun mitin celebrado en Lugo, o líder dos populares galegos explicou que o que algúns pretenden é que, quedando na casa, a cidadanía valide cuestións como a amnistía, as desigualdades territoriais ou o desgoberno. E que, polo tanto, hai que combater todo isto indo a votar masivamente e facelo tendo claros os dous modelos que hai en xogo nestas eleccións.

Contrapuxo así o modelo da Galicia que medra e avanza, na que se fai o que se promete e que é pioneira en políticas de vivenda e educación fronte ao modelo dos que din unha cousa en campaña e logo fan a contraria, os do ‘non’ a todo e tamén aqueles que son incapaces aprobar máis leis que non sexan a de amnistía. Nesta liña, pediu aos galegos que non se deixen enganar por un nacionalismo que está intentando ocultar que o seu único obxectivo é que a voz de Galicia en Europa sexa a dos independentistas cataláns e a dun condenado por pertenza a ETA.

“Podemos evitar todo isto dando a nosa resposta nas urnas”, concluíu pedindo o voto para o Partido Popular e para candidatos que, como Francisco Millán Mon ou Adrián Vázquez, defenderán a Galicia en Europa. Pola súa banda, a presidenta do PP da provincia, Elena Candia, subliñou durante a súa intervención que “as eleccións europeas en Lugo deben ser unha resposta aos agravios do Goberno de Sánchez á provincia”. O estado das infraestruturas, a negativa a escoitar ao noso sector primario ou a falta de medidas para apoiar a continuidade do emprego en Alcoa son algún dos exemplos que citou a dirixente lucense sobre “o comportamento de Sánchez con Lugo e os lucenses”.

Candia lembrou que “Lugo é a única provincia e capital de provincia galega que queda fóra da alta velocidade ferroviaria pola negativa do Goberno de Sánchez a construír as variantes proxectadas por un Goberno do Partido Popular”. Tamén citou a A-6, ademais de moitas estradas nacionais, como exemplo do “mal estado das infraestruturas viarias de titularidade estatal que sufrimos tódolos lucenses a diario”, ao que hai que engadir a falta de avances na construción de autovías para conectar con Ourense, Ponferrada ou a da Mariña.

PAC e Alcoa

A dirixente lucense incidiu en que “dende o Partido Popular escoitamos aos nosos gandeiros” e conseguimos en Europa flexibilizar a PAC, reducir a burocracia, dar marcha atrás a algúns dos excesos do Pacto Verde e que a Comisión Europea se posicionara para rebaixar o nivel de protección do lobo. Todo o contrario que o Goberno de Sánchez que se nega a escoitar ás comunidades lobeiras. Defende o lobo por riba dos gandeiros”, condenou.

Elena Candia lembrou tamén “a falta de implicación do Goberno de Sánchez para o mantemento do emprego en Alcoa”, a única fábrica de produción de aluminio primario en España. Así, a popular agarda que o vindeiro domingo 9 de xuño ás urnas se enchan de papeletas ao Partido Popular igual que nas municipais, nas xerais e nas autonómicas. “O Partido Popular é o partido do rural, o do mar, o da xente moza e tamén o dos nosos maiores, o das políticas para xerar oportunidades para os lucenses, o que aposta pola conciliación e o acceso á vivenda e o que defende favorecer o emprendemento, o mantemento e a creación de empregos e o impulso industrial responsable”.

0.12069201469421