A Ancares Cycling Marathon reúne 500 ciclistas e consolídase como referente deportivo e turístico

As estradas e paisaxes dos Ancares acolleron esta mañá a quinta edición da Ancares Cycling Marathon, organizada polo Club Ciclista Cidade de Lugo e patrocinada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A cita contou cunha participación próxima aos 500 corredores e corredoras que tomaron a saída desde O Cebreiro, encabezados polas campioas estatais Rocío Gamonal, Lorena Patiño e Isabel Martín, portadoras dos tres primeiros dorsais e referentes do ciclismo feminino, que tivo un protagonismo especial nesta edición.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, salientou a aposta do evento por dar maior visibilidade ao deporte feminino, lembrando que “o ciclismo de mulleres sempre tivo presenza en Ancares” e incidiu na consolidación desta proba como un atractivo para participantes non só de Galicia, senón tamén doutros puntos do Estado, que valoran a calidade dos percorridos, a organización e, sobre todo, o privilexiado entorno natural no que se desenvolve.
Castro explicou tamén que boa parte dos ciclistas chegan acompañados por familiares e amizades, o que amplía o impacto positivo da carreira tanto no eido económico como na proxección turística da zona.
Na modalidade de Gran Fondo, cun percorrido de 123 quilómetros que por primeira vez atravesou o centro de Navia de Suarna antes de concluír no Cebreiro, impuxéronse Miguel Ventura e Tamara Seijas. Pola súa banda, no Medio Fondo, de 74 quilómetros, os vencedores foron Jesús Rodríguez e Cecilia Abal.