A Anpa de Baralla reclama o apoio do pleno á xornada única
A Anpa do CPI Luís Díaz Moreno, de Baralla, pediu este xoves ser escoitada no pleno municipal para trasladar a súa reclamación dunha xornada lectiva única no centro educativo. Os familiares dos escolares fixeron partícipes das súas queixas ás distintas forzas políticas, ao entender que o "pésimo horario" do colexio discrimina ao alumnado. A eles sumáronse ademais os empresarios que prestan servizo de transporte ao colexio.
Os pais e nais solicitaron aos partidos da corporación que amosen publicamente o seu apoio a esta demanda e reclamaron a súa mediación no diálogo coa Xunta de Galicia, coa que están a negociar dende hai máis dun ano sen éxito. A Consellería de Educación mantense firme no rexeitamento ao cambio aludindo ás licitacións dos contratos do transporte escolar.