A ANPA de Portomarín protestou polos recortes de profesorado no CEIP Virxe da Luz

LugoXa
Nestas primeiras semana do curso, indican desde a ANPA, "xa puidemos constatar unha perda de calidade do ensino repercutindo no futuro dos nenos e nenas de Portomarín"
Anpa-Portomarín
22 sep 2024

As nais e pais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, acompañados de veciños do Concello, concentráronse diante do albergue de peregrinos da Xunta de Galicia cortando o acceso ao mesmo durante preto dunha hora co obxectivo de dar visibilidade ás protestas que se levan realizando desde o mes de agosto polo recorte de profesorado no centro e para trasladarlle a mensaxe á Xunta de Galicia de que “mirar polo Camiño si pero tamén polos veciños”.

Os peregrinos que tiveron que esperar, como consecuencia da protesta, para entrar no albergue entenderon e apoiaron as demandas da ANPA.

Esta protesta enmárcase nas reivindicacións que está a realizar a ANPA de Portomarín debido a que neste curso 2024/2025, a pesar de ter un incremento de matrícula, a Consellería de Educación vén de quitarlle un profesor ao centro ao non cubrir a vacante da especialista de inglés; agrupándose o alumnado de Primaria de tres cursos: 1º, 2º e 3ª nunha clase; e 4º, 5º e 6º noutra.

Dende a ANPA do CEIP Virxe da Luz de Portomarín, sinala a súa presidenta Soraya González, “seguiremos loitando para reverter un recorte que é inxusto, inxustificable e incumpre os propios acordos asinados pola Consellería de Educación e publicados no Diario Oficial de Galicia”.

Sinalan desde a ANPA de Portomarín, que neste curso 2024/2025, o CEIP Virxe da Luz de Portomarín ten un alumno máis na Primaria, polo tanto as condicións en canto ao alumnado non empeoraron senón que melloraron, polo que non pode xustificarse o recorte de profesorado. E por outro lado, engaden, o recorte é consecuencia de non cubrir a vacante dun profesor que corresponde ao CEIP de Portomarín, ao igual que o especialista de Educación Física e Infantil, nos que os seus titulares non ocupan a súas respectivas prazas e si son cubertas por persoal interino. Polo tanto é unha praza que igual que as demais do centro debe ser cuberta.

"E o que é peor", segundo indican desde a ANPA, "a propia Consellería de Educación con este recorte incumpre o seu propio Acordo de Melloras asinado cos sindicatos con data 11/10/2023 e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) con data 17 de xaneiro de 2024. Pois o mesmo, no seu punto 2.7 establece que as aulas que escolaricen a alumnado de distintos ciclos aplicaranse os rateos contemplados no Acordo de agrupamentos do alumnado de 10 de xullo de 2009. Acordo que recolle que non se poden agrupar en Educación Primaria máis de 12 alumnos cando pertenzan a diferentes ciclos. Na aula de 1º a 3º hai 14 alumnos, superando o rateo acordado".

Así, din que “non se entende o recorte de profesorado, especialmente cando se vén de asinar un acordo de melloras; cales serían no caso de Portomarín? Para Portomarín, sería un acordo de Empeoramento que como nais e pais dos alumnos do centro non podemos permitir”, sinala a presidenta da ANPA.

Nestas primeiras semana do curso, indican desde a ANPA, "xa puidemos constatar unha perda de calidade do ensino repercutindo no futuro dos nenos e nenas de Portomarín, que en lugar de recibir unha clase completa reciben unha terceira parte, e os propios profesores recoñecen a dificultade de dar clases nestas condicións nos que conviven na mesma aula nenos que están aprendendo a ler e escribir con outros que xa teñen que multiplicar como na aula de 1º a 3º, así como o feito de que ao non cubrirse os días de libre disposición dos profesores perden horas de clase".

Desde a ANPA, engaden que este recorte ademais prexudica ao noso Concello ao deteriorarse un servizo público fundamental que contribuirá a perda de poboación, “tanto falar de apoiar o rural e o que están facendo e quitarnos cada vez máis servizos”.

0.19735193252563