A ANPA do CEIP As Mercedes denuncia o estado “de abandono total” do colexio

LugoXa
As familias alertan dun risco estrutural tras o derrubamento parcial do tellado e aseguran que o alumnado estuda en condicións que non cumpren coa normativa vixente
Teito-As-Mercedes-Lugo
27 Jun 2025

A Asociación de Nais e Pais do CEIP As Mercedes de Lugo vén de denunciar publicamente o estado “de abandono total” nas instalacións do centro educativo, alertando de que o edificio, presumiblemente construído nos anos 60, leva anos acumulando deficiencias estruturais e de seguridade sen que se acometa unha reforma integral.

A maior preocupación da comunidade educativa céntrase no tellado, que presentaba evidentes signos de deterioro e que acabou colapsando parcialmente o pasado sábado 7 de xuño, provocando un burato de aproximadamente dous metros de diámetro. O incidente tivo lugar fóra do horario lectivo, polo que non se produciron danos persoais.

Desde hai anos, veñen detectándose filtracións en varias aulas das plantas superiores sen que se aborde a causa de raíz, que segundo as familias é o propio tellado, cunha antigüidade estimada de máis de medio século. A pesar das reiteradas queixas e de que a estrutura presenta gretas e humidades moi visibles nos teitos e paredes, insístese en que o edificio é seguro. Porén, as aulas afectadas continúan desaloxadas e a reparación provisional do tellado, cunha chapa metálica colocada ás présas, foi cualificada pola propia empresa instaladora como insuficiente e incapaz de resistir un inverno.

A ANPA lamenta que non exista ningún plan confirmado para renovar o tellado a curto prazo e lembra que a única obra relevante executada nos últimos anos foi en 2017, cando se acometeu unha ampliación do centro e se instalou un ascensor. O resto das instalacións, denuncian, seguen nun estado moi deficiente: baños antigos, estreitos e non adaptados; fiestras e persianas obsoletas; fachadas sen illamento térmico; numerosas gretas nas paredes; iluminación con tubos fluorescentes xa en desuso e un sistema de calefacción moi antigo que se avaría con frecuencia, deixando sen calefacción a alumnado e profesorado en pleno curso escolar.

Tamén sinalan que moitas portas do colexio non cumpren coa normativa de evacuación nin contra incendios, e que persisten numerosas barreiras arquitectónicas que dificultan a mobilidade dos nenos con discapacidade. A dirección do centro e o consello escolar levan anos reclamando unha reforma integral, pero segundo denuncia a ANPA, cando solicitan obras concretas, estas tamén son rexeitadas pola unidade técnica da Xunta, alegando que están pendentes desa suposta reforma que nunca chega.

Con todo este panorama, a ANPA considera que o alumnado está a recibir clases nunhas condicións que non garanten a súa seguridade nin cumpren cos estándares legais e solicita unha reunión urxente coa xefa territorial para abordar a situación de forma inmediata.

⚙ Configurar cookies
0.11125493049622