A ANPA do CEIP Virxe da Luz de Portomarín maniféstase contra o recorte de profesorado e os agrupamentos

LugoXa
Preto dun centenar de veciños apoiaron a protesta, respaldada tamén pola corporación municipal e cargos da Deputación de Lugo
reivindicación-escolar-Portomarin
8 Sep 2025

Preto dun centenar de veciñas e veciños de Portomarín, convocados pola ANPA do CEIP Virxe da Luz, mobilizáronse de novo para reclamar que se manteña o profesorado do curso pasado e que continúen os agrupamentos de dous cursos, fronte á proposta da Consellería de Educación de reducilos a tres.

A comunidade educativa lembra que o curso anterior xa se intentara aplicar un recorte semellante, a pesar de que a matrícula aumentara, pero tras as protestas a Administración rectificou e incorporou un docente máis. Este ano, con novo incremento de alumnado, a Consellería xustifica un novo recorte amparándose nunha modificación legal. Porén, segundo denuncia a ANPA, a propia norma establece que deben conservarse os mesmos agrupamentos do curso anterior, polo que consideran que non procedería reducir profesorado. Ademais, engaden que segue sen cubrirse a praza da especialista de inglés, cuxa titular está en comisión de servizos.

A presidenta da ANPA, Soraya González, cualificou a situación de contraditoria: “Dinnos que cumpren a lei, pero se con máis alumnos nos quitan un profesor, como poden falar dunha mellora do sistema educativo?”. Tamén criticou a aplicación progresiva das ratios, que permite 18 alumnos nunha aula con tres cursos diferentes fronte ao límite de 15 en agrupamentos de dous, algo que, segundo afirmou, “non ten sentido” e prexudica especialmente aos colexios do rural.

Na protesta, apoiada polos concelleiros do PP e do PSOE xunto co alcalde á cabeza, participou tamén a voceira socialista na Deputación de Lugo, Pilar García Porto. Paralelamente, a ANPA remitiu un escrito á Consellería de Educación no que reclama que se manteñan as condicións do curso pasado, ao entender que unha normativa que nace para mellorar o sistema educativo non pode empeorar as condicións existentes.

⚙ Configurar cookies
0.10995697975159