A Antroido de Val de Francos presenta o programa no Campo do Carril

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
A Vicepresidencia da Deputación parabenizou á organización e á veciñanza "por continuar a cadea de transmisión dese legado"
antroido-val-de-francos-campo-do-carril
21 Feb 2025

A deputada de Cultura Iria Castro participou na presentación do programa do Antroido de Val de Francos, que celebran as parroquias de Ansemar, Goberno e Balmonte, en Castro de Rei. No acto, cunha ampla representación da veciñanza, detallouse a programación organizada para o martes 4 de marzo no Campo do Carril.

A responsable provincial explicou "o valor que desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo damos ao mantemento de tradicións como este Antroido de Val de Francos que xunta a celebración coa salvagarda e a conservación do noso patrimonio inmaterial" e parabenizou á organización e á veciñanza "por continuar a cadea de transmisión dese legado"

Nese contexto, enmarcou a colaboración da Vicepresidencia da Deputación na organización, a través de diferentes iniciativas, como a recuperación e dixitalización do cartel realizado por Xosé Vizoso para a Antroido de 1993, unha obra moi lembrada pola veciñanza da que apenas se conservaban exemplares.

Ademais de apoiar este proxecto a través dunha achega directa, a área de Rural ofrecerá degustacións de galiña de Mos e de Porco Celta, con produtos de tres ganderías do concello de Castro de Rei, da man do programa Un gusto de rural, un rural degusto.

As persoas asistentes poderán probar carnes destas razas autóctonas en catro receitas. O menú estará composto por croquetas de galo da raza Mos e fabas de Lourenzá con galiña de Mos, elaboradas e servidas pola asociación de criadores da raza Galiña de Mos Avimós, en colaboración coa granxa Chousa do Lea representada por José Zapata.

Tamén se servirá arroz meloso de castañas, boletus e solombo de Porco Celta e lentellas estofadas con panceta e chourizo de porco celta, elaboradas polo cociñeiro Álex Méndez, con produtos dos criadores de porco celta Fernando Saavedra e Pepe Veiga, socios de Asoporcel.

0.17593812942505