A apitoxina das abellas presenta propiedades terapéuticas e de engorde nas cobaias
A apitoxina, tal e como se denomina a substancia popularmente coñecida como o veleno segregado polas abellas, presenta propiedades terapéuticas xa sobradamente coñecidas, pero a súa rica e variada composición tamén semella producir efectos que favorecen o engorde das cobaias, segundo constata o veterano profesor e investigador ecuatoriano Vicente Arteaga Cadena nunha tese de doutoramento sobre a acción da apitoxina en bacterias enteropatóxenas de cobaias en fase de engorde dirixida polo catedrático da USC e responsable de calidade do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (Lhica) do Campus Terra da USC, Carlos Manuel Franco Abuín.
A investigación de doutoramento desenvolvida por este docente da Pontificia Universidade Católica de Ecuador permitiu constatar en cobaias propiedades e beneficios farmacolóxicos da apitoxina coñecidos noutras especies animais e tamén fronte a determinadas doenzas. Este achado resulta de especial interese nun país suramericano, que despois de Perú, rexistra o censo de poboación máis elevado do mundo (14 millóns de exemplares) dunha especie de roedor que está plenamente incorporado á dieta alimenticia da poboación local.
Ao interese das pescudas desenvolvidas en Ecuador por Vicente Arteaga, cómpre engadir as pautas de máximo respecto ao benestar animal que rexeron a extracción de apitoxina das glándulas deste insecto, un procedemento que podería deparar a morte das abellas, pero que este investigador realizou a través dun ecocolector eléctrico, un dispositivo previamente patentado por el mesmo e dotado dun software sinxelo, que fai posible obter o veleno das abellas sen afectar aos seus órganos nin condicións vitais.
O método extractivo de apitoxina patentado por Arteaga Cadena fixo posible que o Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control contara con abundancia de mostras desta substancia para a súa análise, subliñou o profesor Carlos Franco, ao tempo que recoñeceu a dificultade que implica este traballo de experimentación con animais tan sensibles como o son os insectos.