A APLTA celebra 30 anos de innovación e unha década nas instalacións de San Fiz

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC conmemora os seus 30 anos de traxectoria e os dez anos das súas actuais instalacións en San Fiz cunha xornada festiva o 30 de maio.
A partir das 17.00 horas, o público poderá participar nunha visita guiada para coñecer as tecnoloxías e proxectos que fixeron da APLTA un referente europeo en I+D+i para a industria alimentaria. Durante o percorrido, as persoas asistentes descubrirán produtos desenvolvidos no centro que xa forman parte habitual dos supermercados.
A programación inclúe tamén unha mesa redonda titulada "Innovación: da orixe á internacionalización", con representantes de Innolact-Quescrem, Grupo Lence e Airas Moniz, que analizarán como a colaboración coa APLTA impulsou a proxección internacional das súas marcas. Para participar é necesaria inscrición previa.
Como peche, celebrarase unha degustación comentada de queixos producidos por empresas colaboradoras como Quescrem, Airas Moniz, Casa Donicio ou Lactalis, seguida dun petisco final para todas as persoas asistentes.