A área de Benestar Social dispensa atención a un total de 18.104 persoas de Lugo
A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, aproveitou a sesión plenaria celebrada onte para poñer en valor o traballo realizado polos Servizos Sociais municipais e para destacar o labor do persoal da área.
Así, a edil deu conta á Corporación de que na actualidade, no Concello de Lugo prestan servizo un total de 18 traballadoras sociais (ademais de outra adscrita á Casa da Muller), 13 delas nos servizos comunitarios básicos, alén das coordinadoras do Xantar no Fogar, Centro de Día e Axuda no Fogar; a Xefa de Servizo; a Xefa de Sección e a adxunta á Xefa de Sección.
“Dende o inicio do mandato fomos quen de mellorar o funcionamento e a xestión do departamento coa incorporación de sete novos efectivos: dous auxiliares administrativo/as, 2 técnico/as de inclusión e tres traballadore/as sociais, unha delas destinada á nova Unidade de Filtro, de recente creación, coa que se realiza unha triaxe inicial de cada solicitude, á que se lle asigna unha prioridade e se inicia a tramitación correspondente do seu expediente nun prazo máximo de 72 horas, con toda aquela documentación que se considera oportuna para ir avanzando na súa abordaxe”, explicou Olga López.
Deste xeito, a área de Benestar Social dispensa atención a un total de 18.104 persoas (2.842 no Centro de Convivencia Maruja Mallo; 3.631 no da Milagrosa; 3.471 no de Lamas de Prado; 1.397 no María Balteira; 970 no Sagrado Corazón; 4.915 no Uxío Novoneyra e 878 no de Fingoi), asumindo cada traballadora unha media de 26 citas programadas á semana o que supón un mínimo de 113 consultas mensuais e de 194 consultas telefónicas mensuais no caso da traballadora encargada da Unidade de Filtro.
“Tamén implantamos as ferramentas tecnolóxicas precisas para modernizar os operativos internos, entre eles a Historia Social Única que permiten unha tramitación moito máis dilixente dos expedientes e a coordinación con outros organismos para realizar unha abordaxe conxunta dos casos, ou a entrada en funcionamento de dispositivos Gps que contribuirán á incrementar a seguridade das traballadoras sociais fóra das dependencias municipais”.
“Dous anos e medio nos que, a pesar da chegada dunha pandemia mundial que agravou a situación de vulnerabilidade de moitos veciños e veciñas, non só atendemos o urxente - que foi a crise sanitaria - con máis achegas, aumentando a consignación de servizos tan imprescindibles como o Xantar no Fogar ou a Axuda no Fogar para darlle cobertura a toda a demanda, senón tamén xerando novas prestacións como o programa Acompañámoste para persoas maiores e en apoio á infancia con dificultades; deseñando actividades socioculturais acordes ás restricións en vigor sen descoidar nin a Emerxencia Social, nin as axudas á vivenda ao tempo que mantemos o apoio aos colectivos e entidades sociais que operan na cidade a través do Plan Estratéxico de Subvencións. Igualmente demos forma ao novo contrato que rexe o Centro de Día Antonio Gandoi e que incorpora importantes melloras que redundarán na calidade asistencial en consonancia co esforzo económico que fai, ao respecto, este Concello”, engadiu a concelleira.
Cifras que Olga López concretou nun incremento dun 20% da partida destinada a Axuda no Fogar - que pasou dos 3’6 a 4’3 millóns de euros anuais - ou a asignada á atención no Centro de Día, cuxo contrato tiña un importe de 446.362 euros que agora ascendeu aos 613.600 euros, é dicir, un 27’25% máis. Instalacións para as que, actualmente, non existe lista de agarda senón que, pola contra, dispón aínda de dez prazas libres.
“Tampouco hai espera – informou a edil – para o SAF de libre concorrencia que xestiona directamente o Concello, onde atendemos á totalidade das peticións que nos chegan, mentres que para a Axuda no Fogar por dependencia, que lle corresponde á Xunta de Galicia tramitar e sufragar, existe, a día de hoxe, unha lista de agarda de 325 persoas: 10 en Grao III; 57 en Grao II e 258 en Grao I.
López Racamonde lembrou, así mesmo, como outras das actuacións desenvolvidas por Benestar nos últimos meses a rehabilitación que se levou a cabo no Fogar do Transeúnte para aumentar a súa capacidade e á comodidade das instalacións, o mesmo que as obras de reforma do Centro Uxío Novoneira, as de mellora de eficiencia enerxética nos centros de Fingoi e Milagrosa, o pintado do Sagrado Corazón, da Casa Clara Campoamor e do centro María Balteira onte tamén se levou a cabo o acondicionamento de espazos técnicos. “O que nos axuda a realizar unha avaliación que por sí soa constata que a transformación da Administración local impulsada neste mandato por Lara Méndez e coa que se gañou en axilidade e coordinación interna, reverteu directamente no conxunto da sociedade cun aumento da variedade e da calidade das prestacións públicas que ofrece o Concello de Lugo”, concluíu.