A área de caravanas do parque Rosalía, entre as máis valoradas de Galicia
A Área Caravan e Camper, situada nas costas do Parque de Rosalía, é unha das mellor valoradas entre as de acceso público das grandes cidades galegas, segundo os comentarios dos usuarios na aplicación park4night, que conta con máis de oito millóns de descargas a nivel mundial. Compite en calidade e servizos coas situadas na Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, converténdose nunha das opcións preferidas polos viaxeiros en autocaravanas e campers.
O feito de ser de acceso público, unido á facilidade para chegar e á súa situación privilexiada, fan desta área un referente en Galicia. Está situada a poucos minutos a pé do centro histórico e dos principais monumentos da cidade. Ademais, os usuarios destacan a tranquilidade do espazo, a limpeza e a seguridade, convertendo a Lugo nun destino atractivo para os que exploran Galicia en autocaravana.
O concelleiro de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, subliñou o esforzo do Goberno local por ofrecer servizos de calidade a este tipo de turismo, en constante crecemento: “Lugo destaca como destino de referencia para o caravaning grazas ás súas instalacións de acceso público e á súa localización estratéxica. Este tipo de turismo é clave para desestacionalizar o sector turístico, asegurando un fluxo continuo de visitantes ao longo de todo o ano”.
A área, xestionada polo Concello de Lugo, ofrece subministración gratuíta de auga e electricidade, e está próxima a supermercados, zonas verdes e espazos culturais. Estes factores fan desta área lucense unha das mellor equipadas para o turismo de autocaravana en Galicia. O municipio conta ademais con outro destes espazos de acceso gratuíto, situado xunto ao Polideportivo Municipal Casa do Deporte, co que lidera ranking galego das grandes cidades, xunto a Pontevedra e A Coruña, na dispoñibilidade deste tipo de dotacións.
Os usuarios de park4night valoran especialmente a facilidade de acceso, xunto coa proximidade ao centro histórico, que permite gozar da oferta cultural e patrimonial de Lugo sen necesidade de desprazamentos longos. “Estamos orgullosos de contar cunha área de acceso público de alta calidade, cun acceso cómodo e unha situación perfecta para que os viaxeiros descubran a cidade a pé”, engadiu Repetto.
O Concello de Lugo continuará mellorando e mantendo estas instalacións para consolidar Lugo como un referente no turismo de autocaravana, un sector que dinamiza a economía local e fomenta un turismo sostible durante todo o ano.