A área de Cultura organiza campamentos de verán nas instalacións museísticas
As actividades desenvolveranse nas dúas casas das linguas, no MIHL e no Vello Cárcere nos meses de xullo e agosto.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou unha nova edición dos campamentos de verán organizados nas distintas instalacións dependentes da área. Segundo informou Maite Ferreiro, “queremos facilitar a conciliación ás familias ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos novos coñecementos de maneira lúdica”.
As actividades organizadas nas dúas casas das linguas municipais estarán orientadas para nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, e levaranse a cabo en dúas quendas, do 3 ao 14 de xullo e do 16 ao 31 de agosto, en horario de 09:30 a 13:30 en cada unha das Casas das Linguas, e cunha participación de 15 nenas e nenos en cada unha das actividades.
Para solicitar unha praza, debe contactarse mediante correo electrónico ou en persoa na Casa das Linguas desexada, entre o días 19 e o 29 de xuño. Os enderezos de correo electrónico habilitados son casa.linguas@lugo.gal para a Casa das Linguas da Estrada da Granxa ou no enderezo casa.linguas.balteira@lugo.gal para a casa das linguas María Balteira. Cada alumna ou alumno só poderá solicitar unha quincena, e as solicitudes para irmás e irmáns deberán remitirse no mesmo correo, indicando en todos os casos o nome e a quincena solicitada.
As actividades do Vello Cárcere terán lugar entre o 3 de xullo e o 8 de setembro, e están destinadas a nenas e nenos nados entre o 2011 e 2019. Organizaranse 5 quendas, con 20 nenas e nenos en cada unha. As solicitudes poderán realizarse no Vello Cárcere, onde se poden consultar os prazos para cada unha das quendas.