A Área de Medio Rural do Concello de Lugo será xestionada de forma conxunta por Fernández e Reigosa

LugoXa
O alcalde asumirá a parte administrativa mentres a concelleira se centrará nas tarefas de campo e visitas
concelleira-Lugo-María-Reigosa
5 Dec 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira María Reigosa acordaron levar de maneira conxunta a xestión do área de Medio Rural.

Fernández explicou que, cando Reigosa se incorporou ao Goberno local en outubro, estaba previsto pactar un reparto de dedicacións, pero ese acordo nunca se materializou. O obxectivo prioritario do Concello segue a ser reforzar o área de Persoal, dirixida en exclusiva por Ana González Abelleira, motivo polo que Medio Rural se trasladou inicialmente a Reigosa, quen conta con formación en enxeñería e é considerada “a persoa idónea”, aínda que con limitación de tempo.

Dado que a dedicación exclusiva de Reigosa non puido completarse, acordouse que o alcalde asumirá a parte administrativa e colaborará coa concelleira nas visitas e traballos de campo sempre que a súa axenda o permita. Fernández subliñou que Reigosa estaba capacitada e tiña vontade de facer un gran labor, pero lamentou non poderlle dedicar ao rural todo o tempo necesario. Asegurou, ademais, que a edila permanecerá no Goberno e non está previsto substituíla.

Pola súa banda, Reigosa explicou que a súa decisión responde a criterios profesionais. “Aceptéi o reto do Concello con moita ilusión, pero Medio Rural require unha dedicación de moito tempo. No meu posto esíxese dedicación total e, por ética profesional, non podía asumir o risco de realizar un traballo insuficiente”, sinalou.

Segundo destacaron, esta fórmula conxunta permitirá manter o impulso do área rural, garantir a compatibilidade laboral de Reigosa e preservar a estabilidade interna do equipo de goberno.

⚙ Configurar cookies
0.09995698928833